Toxo Telecom estreou sede operativa na céntrica rúa de Galicia en Ribeira

xoves, 9 de decembro do 2021 S. P.


A operadora ribeirense de telecomunicacións Toxo Telecom empatou unha recta final de ano con grandes novidades. Falamos por unha banda do recoñecemento ao seu labor concedido os días pasados por AJE Coruña, asociación que decidiu distinguila como empresa emprendedora do ano no ámbito provincial, e pola outra, a compañía de telefonía móbil e fibra vén de dar o chimpo ao centro de Ribeira cunha nova sede na rúa de Galicia, un punto de encontro para usuarios e clientes que foi inaugurado cunha gran festa na que participou, entre outros, o músico local Javi Maneiro, solista dos Heredeiros da Crus (que é, dende os seus comezos, un dos grandes apoios promocionais da empresa tecnolóxica de Ribeira).
Na festa de inauguración, celebrada o pasado venres 3 de decembro, os responsábeis da empresa (Javi Fontaíña e Manuel Caamaño) sinalaron que o obxectivo do traslado dende a súa antiga sede da rúa Romero Ortiz, tamén en Ribeira, “era estar máis preto dos clientes”, achegándolles máis comodidade e máis seguridade nas súas xestións, nas súas consultas e nas súas comunicacións, ao que engadiron a importancia de “que os usuarios dos nosos servizos nos poñan cara e nos coñezan”. A cita, amais de Javi Maneiro e dunha nutrida presenza de amigos e familiares, contouse coa presenza do DJ Ultrajuanmi.
A estrea da nova sede vén con novidades, tamén, no catálogo de produtos de Toxo. Así, malia que na actualidade a empresa destaca polos seus servizos avanzados de telefonía móbil e (dende 2019) de fibra óptica FTTH para os fogares e as empresas (achegando Internet de alta velocidade e unha plataforma de TV cunha completa grella de contidos), a intención é ampliar produtos con luz, gas e ferramentas de seguridade para particulares e empresas.

PUBLICIDADE