Toxo Telecom combate o confinamento co lanzamento do seu servizo de TV

martes, 21 de abril do 2020 Fernando Sarasketa

Dende este 18 de abril e coincidindo significativamente coa situación de confinamento derivada da pandemia (e coa necesidade de levar aos fogares a máxima cantidade de ofertas de lecer para sobrelevar a reclusión da mellor maneira posíbel) xa está dispoñíbel a televisión da operadora ribeirense Toxo Telecom, a ToxoTV, que ofrecerá un amplo abano de contidos variados para todos os gustos e tendencias (TDT, series e cinema a carta, canles infantís, canles educativas, deportes, documentais) a un prezo máis que interesante: de base, 1,95 euros para clientes do servizo móbil de Toxo Telecom e cen por cen de balde para clientes de fibra.
ToxoTV achega os seguintes paquetes de contidos: TV Enxebre (TDT, EscapadaTV, Insight, Englis Club, 100% Cine Lite, canles internacionais, VOD Torole), Enreda (TNT, TCM de Turner, AXN, AXN White, VOD Cine), Caza e pesca (Iberalia, Iberalia Pesca, Iberalia Caza, Cazavisión), En Xogo (Eurosport, Moto ADV, Fight Time, DBike, Surf, MasmediaMotor) e TV a Esgalla (“Un capacho e medio de canles”).
Para máis información, podemos visitar a páxina web de Toxo Telecom, o seu Facebook ou ben chamar ao teléfono 602 247 247.
Achegando telecomunicacións dende Ribeira
Toxo Telecom, para que non o saiba, é unha operadora galega posta en marcha en 2018 por tres emprendedores de Ribeira, centrada en ofrecer servizos de TV, móbil, fixo e Internet, “como ofrecen os grandes operadores”. O seu obxectivo prioritario, tal e como fan saber nas súas comunicacións web, “é coidar os seus clientes promovendo as mellores tarifas e servizos”.

PUBLICIDADE