Toupa.net, novo socio de EGANET

venres, 17 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

Toupa.net, a tenda en liña de produtos culturais galegos posta en marcha no pasado mes de maio, vén de comezar unha nova andaina empresarial e dixital formando fronte común coas firmas integrantes de EGANET, a asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías. Segundo informa esta entidade, a adhesión á mesma de Toupa.net enriquece os seus ámbitos e liñas de acción, co valor engadido de constituír Toupa.net unha clara aposta a prol da promoción e a defensa da nosa cultura. A tenda en liña, que achega un completo catálogo de música, libros, cómics e DVDs na nosa lingua ou de autores galegos (emprestando especial atención ao material infantil e ao material que dificilmente poderemos ver nas canles habituais de venda), foi desenvolvida pola empresa compostelá Inxenio Internet Consulting.
Toupa.net, que salienta tamén polo traballo despregado na procura de produtos xa esquecidos ou descatalogados para logo poñelos de novo en valor a través da Rede, conta con presenza en Twitter e en Facebook, así un blog de seu.

PUBLICIDADE