Toshiba perderá máis de 4.000 millóns e despedirá 6.000 traballadores

martes, 22 de decembro do 2015 Redacción

Non todas as firmas do ámbito tecnolóxico contan cos mellores agoiros para o inicio de 2016. Entre as que van comezar ano e peor situación atópase sen dúbida a histórica compañía xaponesa Toshiba, en tempos un referente en materia de computadores e equipamento e hoxe en día unha firma na picota por mor dunha xestión trabucada (inflado de cifras contábeis previo a impostos e intereses, entre outras irregularidades) que se remonta a 2008 ou mesmo a tempo antes. Unha vez máis, os principais prexudicados serán os que menos responsabilidade teñen na desfeita: os traballadores. Segundo estimacións recentes, Toshiba perderá máis de 4.000 millóns de dólares e recortará uns 6.000 empregos. Ademais, en todo 2015 perdeu case o 60% do seu valor en bolsa.
A compañía, como lembraremos, foi fundada oficialmente co comezo da Segunda Guerra Mundial, en 1939, aínda que a súa andaina xa vén de antes. De feito, as súas orixes reais están no século XIX coa fabricación de equipamentos e infraestruturas ligadas a unhas tecnoloxías daquela punteiras: o telégrafo e as lámpadas incandescentes. Ao longo da súa historia, xa no século XX, Toshiba achegou algúns dos enxeños máis referenciais da revolución tecnolóxica recente, como por exemplo os primeiros transmisores de televisión ou o computador persoal portátil Dynabook. De feito atribúeselle ter sido pioneira na comercialización dun computador portátil e dun soporte de información que daría moito que falar: o DVD.
Como dixemos, malia que o comezo da caída de Toshiba semella un feito recente, en realidade remóntase aos comezos de 2008, que é cando semella que se comezaron a cometer irregularidades importantes no balance de compañía, cousa que se manifestou nunha manipulación sistemática das cifras. En termos concretos, calcúlase que durante os últimos sete anos os directivos da compañía incharon os beneficios en máis de 1.100 millóns de euros. Trátase do meirande fraude contábel da historia de Xapón.
A multinacional estima que o seu exercicio fiscal 2015/16, que conclúe o vindeiro 31 de marzo, pechará con perdas de 4.169 millóns de euros, segundo informou a propia multinacional, que ademais confirmou que suprimirá 6.800 empregos.

PUBLICIDADE