Torus, elixida para formar parte do programa Instrumento PEME Horizonte 2020

martes, 23 de setembro do 2014 Redacción

O docente <a href="https://twitter.com/gltaboada/status/393350892252307457">nunha actividade celebrada en Madrid</a> o ano pasadoO programa Instrumento PEME Horizonte 2020 da Unión Europea vén de seleccionar a unha start-up galega xunto a 20 proxectos TIC europeos. Estamos a falar da coruñesa Torus Software Solutions, especializada na redución do tempo de resposta de aplicacións informáticas. Por certo que o programa consiste basicamente en apoiar proxectos cun elevado potencial de crecemento dotándoos con até 2,5 millóns de euros de financiamento sendo o seu obxectivo incrementar a competitividade da economía europea apostando por empresas innovadoras para consolidar sectores prioritarios da economía europea como é o TIC.
E indo ao noso participante, se por algo salienta Torus Software Solutions -promovida e participada polos membros do grupo de investigación Grupo de Arquitectura de Computadores da UDC, a Universidade da Coruña e a Fundación Barrié, a través do seu Fondo de Ciencia- é polas súas importantes contribucións nas prestacións das bases de datos (multiplicándoas e ampliándoas), nas plataformas de big data e, en xeral, en achegar máis axilidade e rapidez a calquera aplicación que precise novos folgos e, en consecuencia, máis vantaxes competitivas. Segundo palabras de Guillermo López -socio director da firma galega- “Hoxe en día unha web ou un programa fluídos, sen tempos de espera tras cada click, transmite unha imaxe positiva, seguridade na marca que está detrás, e por tanto incrementa os beneficios”.
Creada na Coruña en abril de 2013, Torus abrangue moitos sectores, tendo especial relevancia nos mercados financeiros onde a velocidade é unha importantísima vantaxe competitiva. É por iso que a empresa galega xa traballa con varias das principais entidades financeiras situadas en Londres.
Volvendo ao programa de Horizonte 2020 co que abrimos este artigo, subliñar que ningunha empresa alemá ou italiana do sector TIC foi seleccionada, mentres que Galicia conta cunha representante neste programa: Torus. Por se isto non abondase, a compañía da Coruña acadou unha das maiores puntuacións a nivel europeo, sendo ademais a única empresa en Europa en facerse con este recoñecemento con menos dun ano de vida.

PUBLICIDADE