Torus Software beneficiarase dun préstamo ao abeiro do programa de Instrumentos Financeiros Innovadores

venres, 16 de febreiro do 2018 Redacción

O director do IGAPE, Juan Cividanes, adiantou hoxe no Parlamento galego que os primeiros préstamos aprobados pola Xunta ao abeiro do novo programa de Instrumentos Financeiros Innovadores (IFI) mobilizarán 1,75 millóns de euros en investimentos no ámbito da Industria 4.0.
O primeiro dos proxectos aprobados nesta nova liña financeira correspondeu a Hidrofersa, compañía con sede en Viveiro (Lugo), especializada no deseño, fabricación e comercialización de maquinaria naval, industrial ou mineira, que incorporará novos equipamentos para mellorar a súa competitividade.
Outro dos proxectos aprobados corresponde a Torus Software Solutions, startup promovida desde a Universidade da Coruña e recoñecida a nivel internacional polo seu potencial innovador, que disporá de financiamento para desenvolver tecnoloxía big data, estreitamente vinculada á Industria 4.0.
Pola súa banda, a empresa Cristalería Pontevedresa, con sede en Ponte Caldelas (Pontevedra), contará con financiamento do novo programa de IFI para incorporar ás súas instalacións nova maquinaria para a impresión dixital en vidro, co obxectivo de seguir mellorando en competitividade e internacionalización.
O director do IGAPE lembrou que o novo programa de Instrumentos Financeiros Innovadores conta cunha dotación inicial de 33 millóns de euros (cofinanciada ao 80% polo FEDER) que lle permitirá apoiar este ano arredor de 100 proxectos de investimento nos eidos da Industria 4.0, o emprendemento e a innovación. O programa contribuirá así ao desenvolvemento da Axenda Industria 4.0 e ao fortalecemento do tecido empresarial galego, en especial das PEME. Engadiu que se apoiarán preferentemente investimentos de base tecnolóxica, proxectos innovadores e actuacións relacionadas coa chamada fábrica intelixente.
Os préstamos, comprendidos entre 50.000 e un millón de euros, contarán con prazos de amortización entre 7 e 12 anos, e inclúen unha axuda para rebaixar os custos financeiros. O obxectivo do novo programa é conseguir que os autónomos e as PEME poidan desenvolver en Galicia os seus proxectos de investimento apostando pola innovación para mellorar a súa competitividade e para crecer cara a novos mercados.

PUBLICIDADE