Torturasa: unha web para desfacernos do agasallo inútil

martes, 28 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

A imaxe de centos de milleiros de persoas desprazándose polas rúas cun paquete de agasallo contendo un frasco de perfume non é do agrado de todo o mundo. Basicamente, é como permitir que se repita unha vez tras outra a mesma historia, e como facer de algo que tiña que ser abraiante e innovador (o feito de agasallar) algo rutinario. Contra isto están, precisamente, unha páxina de curioso nome, Torturasa, e máis os seus usuarios na Rede. Tamén coñecida como Centro de Tortura de Regalos Pouco Creativos, a web desta peculiar iniciativa recibiu xa 120 solicitudes dos seus servizos, que como se pode supoñer encamíñanse a favorecer a eliminación dos agasallos tipo garabata ou perfume. Iso, si dun xeito virtual, tal e como se nos explica dende Xornal.com.
A web volve estar de actualidade por dous motivos: porque nestas datas é máis pertinente ca nunca, e porque dá acubillo dende o 17 de decembro a un novo servizo en liña: o Regalicidio Asistido. A intención de Torturasa é axudarlle á xente a superar o medo a crear un mal ambiente ao coller un agasallo acabado de entregar e esnaquizalo en mil anacos. “Torturasa pensa en todos e ofrece un servizo a domicilio para axudarnos a desfacernos de todos eses inservibles dun xeito discreto e profesional”, informan. Este novo servizo está accesible dende a web da plataforma.
Tal e como se pode supoñer, todo isto é un pouco figurado. O verdadeiro obxectivo dos responsables desta proposta é chamar a atención sobre dúas cousas ben claras: sobre ela mesma (cousa que facemos todos en maior ou menor medida) e sobre a falta de inventiva que nos leva a facer unha vez tras outra o que a xente que sae nos anuncios nos anima a facer.
Segundo os datos achegados pola International Agency Extrange Estadistics”, sinala Torturasa, “a eficacia dos servizos desta empresa está garantida e cifra nun 97,3% a porcentaxe de usuarias e usuarios que recuperaron xa a ilusión polo que este ano lles deixarán os Reis Magos ou Papa Nöel”.
Torturasa tamén convida a facer fronte común no Facebook nun espazo propio de seu na rede social.

PUBLICIDADE