Toponimízate, a campaña para a recolla de nomes de lugares, chega a Dumbría e Begonte

mércores, 15 de novembro do 2023 S. P.

Vicente Feijoo

A Real Academia Galega (RAG) co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de anunciar que segue adiante coa súa campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra. Desta volta chegará a Dumbría (A Coruña) e Begonte (Lugo) este venres, con dúas novas charlas sobre a orixe e o significado dos nomes de lugar de ambos os concellos. Este proxecto permitiralle ao público asistente aprender a empregar a aplicación colaborativa Galicia Nomeada, deseñada para facilitar a participación cidadá na recolla e xeolocalización de nomes de leiras, montes camiños ou fontes dende un dispositivo móbil. A dita plataforma, nada a finais de 2019, recibiu unhas 68.000 achegas por parte das máis de 3.200 persoas e entidades colaboradoras.
Indo ao miolo, o Centro Social de Dumbría acollerá este venres 17 de novembro a partir das 12 horas a primeira sesión do día, mentres que en Begonte a sesión terá lugar na Casa da Cultura a partir das 19:30 horas. O coordinador técnico de Galicia Nomeada, o filólogo da RAG Vicente Feijoo, impartirá ambas as charlas, que contan coa colaboración do académico de número Gonzalo Navaza na parte etimolóxica.
Engadir que Dumbría e Begonte comparten o feito de teren a súa microtoponimia sen recoller pois ningún destes municipios formou parte no seu día do Proxecto Toponimia de Galicia. Ademais, até o momento as persoas colaboradoras incluíron só unhas ducias de topónimos en cada concello, polo que a Real Academia Galega convida a todas as persoas interesadas no patrimonio inmaterial toponímico a asistir a estas sesións e formar parte de Galicia Nomeada coas súas achegas.

PUBLICIDADE