Tomiño acolle unha nova edición de Galegas Dixitais

venres, 26 de xaneiro do 2024 S. P.

O Concello de Tomiño vén de abrir o prazo de inscrición para participar nunha nova edición de Galegas Dixitais, programa de formación gratuíto dirixido á dixitalización de mulleres en situación de desemprego organizado en colaboración con ARA BeProject. A alcaldesa, Sandra González, quixo salientar “a oportunidade que supón esta acción formativa que favorece a empregabilidade e que pode axudar a impulsar o emprendemento e o desenvolvemento do noso rural, ademais de permitirnos seguir traballando para reducir a fenda de xénero”.
Cunha duración de 120 horas, a formación impartirase na Escola Obradoiro O Regatiño de Goián do 5 de febreiro ata o 15 de marzo deste ano. As clases celebraranse de luns a venres, en horario de 09.00 a 14.00 horas e estará dirixido a mulleres desempregadas ou en situación de mellora de emprego empadroadas en Tomiño. O vindeiro 31 de xaneiro ás 10.00 horas o salón de plenos do Concello acollerá unha xuntanza previa informativa.
O curso contará con prazas limitadas, polo que as mulleres interesadas poden xa inscribirse dende hoxe ata o vindeiro 26 de xaneiro a través do teléfono 886 203 763 ou enviando unha mensaxe de Whatsapp ao 604 039 575. O Concello engadiu que “en caso de dúbida, as persoas interesadas poderán recibir máis información no Servizo de Orientación Laboral municipal”.
Ao rematar a formación, as persoas participantes recibirán un diploma acreditativo e un ordenador portátil de agasallo.

PUBLICIDADE