Todo o que quixemos saber sobre o Blockchain, este mércores na Cidade da Cultura

luns, 8 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

Este mércores 10 de xullo celébrase na Cidade da Cultura unha xornada sobre os desafíos e posibilidades que abre a tecnoloxía da Cadea de Bloques (Blockchain), de grandes potencialidades para unha manchea de sectores e ámbitos de actividade (comercio electrónico, moedas dixitais, a Administración Electrónica ou o sector financeiro) e que ten entre as súas vantaxes acoller a información en bloques conectados entre si, en diferentes equipos, en lugar de condensar todo nun mesmo acubillo, o que introduce, xunto co feito de cifrar a información, un extra salientábel de seguridade. A cita deste mércores vén da man da axencia AMTEGA e Alastria.
No encontro, que será inaugurado pola directora da axencia autonómica, Mar Pereira, e a presidenta de Alastria, María Parga. presentaranse exemplos da aplicación de Blockchain no sector bancario, da man de ABANCA. Ademais, lanzaranse distintos retos por parte do sector público e privado nos que a cadea de bloques pode ofrecer solucións que melloren a transparencia e a seguridade.
As propostas mostradas pola Administración autonómica xirarán arredor da aplicación da cadea de bloques en rastrexabilidade alimentaria, así como das posibilidades que ofrece esta tecnoloxía para mellorar a transparencia e automatización.
Desde o eido privado, a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescado e Marisco (ANFACO) proporá liñas de actuación nas que as devanditas tecnoloxías de cifrado poden axudar ao sector.
Os interesados en asistir á xornada, poden escribirse mediante un correo electrónico ao enderezo solucions-sectoriais.amtega@xunta.gal cos datos do asistente, e a organización ou empresa á que pertence.
Esta xornada enmárcase nas actuacións previstas no convenio de colaboración asinado o mes de marzo pola AMTEGA e Alastria, co obxectivo de aplicar a tecnoloxía Blockchain á xestión pública. Entre os compromisos adquiridos por ambas entidades está o de sumar esforzos para facilitar un mellor coñecemento e difusión da cadea de bloques no ecosistema dixital galego así como explorar as posibilidades de mellora da actuación administrativa e a prestación dos servizos públicos a través da utilización desta tecnoloxía.

PUBLICIDADE