Todo o que precisamos sobre o potencial do GPS no sector agroforestal, nun curso da Xunta

xoves, 2 de setembro do 2021 S. P.

Medio Rural programou unha actividade formativa sobre a aplicación do GPS no sector forestal. Desenvolverase a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) na localidade coruñesa de Guísamo, a partir do vindeiro mércores 8 de setembro en horario de 9:00 a 14:00 horas.
O curso está dirixido principalmente a calquera persoa vencellada aos sectores produtivos relacionados coa agricultura, a gandaría, a industria agroalimentaria e a cadea forestal-madeira, así como á mocidade do noso rural que teña en previsión incorporarse ao sector.
O curso, que vén cunha duración de 30 horas, ten como obxectivo achegar ao alumnado coñecemento práctico sobre as constelacións de satélites operativas na actualidade e as aplicacións das mesmas para o sector agroforestal. Asemade, búscase capacitar aos participantes nas últimas tecnoloxías en xeo-posicionamento por satélite e que ao mesmo tempo teñan os coñecementos necesarios para o desenvolvemento de tarefas agroforestais, elixindo en cada momento os equipos GNSS máis adecuados.
Así, ao longo da súa programación abordaranse conceptos como os principios fundamentais do funcionamento dos equipos GNSS, as constelacións de satélites operativos, as páxinas de interese dos visores de redes e direccións wms ou os equipos e métodos de traballo con GPS e a súa creación e configuración. Ademais, o curso contará cunha parte práctica na que se traballarán os conceptos previamente adquiridos.
As persoas interesadas poderán anotarse no curso cubrindo a solicitude dispoñíbel na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse finalmente ao correo electrónico francisco.toiran.lopez@xunta.gal. Tamén poden chamar ao número 881 881 047 para máis información.

PUBLICIDADE