Todo o que precisamos saber da nube, nunha nova xornada da Cámara de Santiago

mércores, 30 de marzo do 2022 S. P.

Este 5 de abril, en horario de mañá (de 10.00 a 11.00 horas), a Cámara de Santiago vai organizar unha nova actividade de transformación tecnolóxica centrada nos servizos que máis poden axudar ás empresas e ás persoas autónomas a ser máis rendíbeis, competitivas, eficientes e eficaces. A sesión A nube unha realidade, enmarcada das actividades da Oficina Acelera Peme da entidade cameral (en colaboración con Red.es), busca quitarlle ferro aos procesos de dixitalización, poñendo o foco no ámbito cloud.
Así o explica a Cámara de Santiago: “É frecuente que as empresas se pregunten se a nube é a solución apropiada, que vantaxes lles achega fronte á infraestrutura en local. Nesta charla darase resposta a como xestionar os riscos tecnolóxicos e a transformación dixital cara a un modelo de nube próxima, comprensible, transparente e alcanzable para calquera organización independentemente do seu tamaño”.
A persoa encargada de impartir os contidos será Rafa Villaverde, director executivo (CEO) de Cloud.gal e Infonet.es. Graduado en Administración e Dirección de Empresas, profesional certificado en datos privados polo ISMS Forum e titulado como experto en Dereito Informático e Pericias Xudiciais, exerce a súa carreira profesional como empresario e administrador no sector TIC desde o ano 2001
As Oficinas Acelera Peme (OAP) inclúense no Programa Operativo Plurirregional de España FEDER 2014-2020 (POPE), co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e pola Entidade Pública Empresarial Red.es

PUBLICIDADE