Todo o que precisamos para sermos voluntarios dixitais, nun curso con data de inicio en setembro

martes, 17 de agosto do 2021 S. P.

Voluntariado Galego (Consellería de Política Social) achega á volta do verán unha actividade formativa para dotarnos de recursos solidarios cos que loitar contra a fenda dixital, un problema que se agravou coa pandemia ao non vir parella unha maior necesidade de estudar, traballar e facer trámites en liña con máis e mellores coñecementos que permitisen á poboación en risco desenvolver plenamente estas tarefas.
O Curso de formación en voluntariado dixital e tecnolóxico, convocado en colaboración con FADEMGA, levarase a cabo entre o 15 de setembro e o 15 de outro. Inclúe catro módulos: introdución, ofertas de voluntariado dixital, plataformas e recursos e, por último, análise de exemplos e casos prácticos. Serán 25 horas de formación en modalidade en liña, a desenvolver na plataforma de formación Recursos Galicia.
Trátase dunha actividade formativa de balde, subvencionada pola Xunta. Achéganse un total de 25 de prazas. Os destinatarios en potencial son persoas responsábeis de voluntariado e persoas voluntarias en entidades sociais. O prazo de inscrición remata o 6 de setembro. A admisión comunicarase vía e-mail o 8 de setembro.

PUBLICIDADE