Todo listo para o comezo, nun Museo Gaiás convertido en virtual, da sétima Maker Faire Galicia

martes, 1 de xuño do 2021 S. P.

Xa está todo preparado que a abra as súas portas, este mércores 2 de xuño, a Maker Faire Galicia, o acontecemento de tecnoloxías participativas, abertas e argalleiras máis relevante da nosa terra (e un dos máis sobranceiros a nivel europeo), cuxa sétima edición celébrase esta semana até 7 de xuño. Será novamente unha cita cen por cen en liña e segundo informaron as entidades organizadoras (VermisLab, o Concello de Santiago e a Xunta a través da Cidade da Cultura e o seu Museo Centro Gaiás) “promete ser unha edición moi potente a nivel de contidos”.
Segundo confirmou este martes o Goberno galego, van ter parte activa no evento preto de 4.000 participantes. Por outra banda, foron seleccionados 60 proxectos de 7 países diferentes, cos que os asistentes poderán falar en directo ao longo das cinco xornadas. Estas cifras, por certo, cuadriplican as acadadas na última edición.
Museo Centro Gaiás, contorna virtual en 360º
Un Museo Centro Gaiás convertido en contorna virtual en 360º acolle a partir de mañá a Maker Faire Galicia, que repite este ano cun formato enteiramente en liña no que argalleiros de sete países diferentes (España, A Arxentina, O Xapón, México, EE.UU., Portugal e O Brasil) presentarán as súas contribucións tecnolóxicas.
Durante as cinco xornadas que dura o evento (do 2 ao 6 de xuño), as persoas visitantes poderán (a través dunha plataforma dixital que recrea o Museo Gaiás) interactuar con makers de todas as idades, tomar parte en diversos obradoiros ou asistir a charlas e mesas con referentes mundiais no ámbito da innovación.
Presentación
Na mañá deste 1 de xuño desenvolveuse unha rolda de prensa para presentar, por vídeo-conferencia as liñas principais do evento, que contou coa presenza do secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira, da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; da directora da zona noroeste de APD (Asociación para o Progreso da Dirección), Ana Sánchez, e do responsábel do encontro, Marcos Saavedra, que debullaron polo miúdo o programa do evento.
“Eventos como a Maker Faire Galicia”, destacou o secretario xeral de Educación, “permítennos que os procesos de innovación impregnen a comunidade educativa dando a coñecer iniciativas como a implantación de espazos maker nos centros educativos, algo no que estamos a traballar desde a Xunta co obxectivo de que cheguen a ser laboratorios de ideas e proxectos, e co convencemento de que son espazos que contribúen ao desenvolvemento da creatividade, ao traballo colaborativo e á transformación social, fomentando a inclusión e a desaparición de estereotipos de xénero”.
Algúns persoeiros destacados
Entre o equipo de relatoras e relatores da feira atópanse referentes tanto nacionais como internacionais nos ámbitos da biotecnoloxía, os videoxogos ou a tecnoloxía.
Por exemplo César de la Fuente, biotecnólogo galego e profesor na Universidade de Pensilvania, que participará nas xornadas da industria o 3 de xuño. César, coñecido polo público xeral por desenvolver un test de baixo custo para detectar o COVID-19, foi nomeado polo MIT como un dos 35 mozos máis innovadores do mundo con menos de 35 anos.
Durante esa mesma xornada do 3 de xuño, pola tarde, o protagonismo recaerá na industria dos videoxogos, onde destacan Keisha Howard e Jon Hare. En primeiro lugar, Keisha (Chicago, 1986), con dúas charlas TED no seu currículo, é unha recoñecida activista en favor da inclusión e a diversidade no mundo dos videoxogos. Jon Hare, pola súa banda, é un dos desenvolvedores de xogos máis coñecidos de Europa, responsábel de produtos míticos como Parallax ou Sensible Soccer. Durante esta xornada lanzarase a temática da segunda edición da Game Maker Jam, unha competición para crear videoxogos en 48 horas que terminará na xornada do sábado e que o domingo coñecerá ao seu gañador ou gañadora.

A maker Valeria Corrales

Outro nome propio é o de Valeria Corrales, unha minimaker de 12 anos e natural de Huesca que triunfou na última edición do talent show máis famoso do mundo e que participará na xornada educativa o venres 4 de xuño.
Nesta mesma xornada levaranse a cabo catro mesas de debate que versarán sobre a educación do futuro, a gamificación, os espazos maker ou as comunidades de aprendizaxe e que contarán con especialistas destes ámbitos tanto a nivel nacional como internacional.
Durante a tarde celebrarase tamén o primeiro EDU Open Space, un espazo para a reflexión ao redor da educación, onde os propios asistentes exporán as temáticas para debater.
A sétima edición da Maker Faire Galicia celebrarase nun Museo Gaiás virtual e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura, a Asociación para el Progreso de la Dirección (APD) e o Círculo Financeiro de Galicia (dentro do proxecto Capacita Directivos). Ademais, realízase coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia e Innovación, a FECYT.

PUBLICIDADE