Todo listo para o comezo das novas Xornadas de Videoxogo e Literatura de Vigo

mércores, 1 de setembro do 2021 S. P.

Este 2 de setembro (e até o día 4) vaise desenvolver no Marco de Vigo a nova edición das Xornadas de Videoxogo e Literatura de Vigo, organizadas novamente pola Fundación Carlos Casares. Será unha cita para tomarlle o pulso á interesante (cada vez máis) interacción entre creación literaria e lecer dixital, un punto de confluencia creativa que pode achegar unha importante materia prima para o sector galego dos videoxogos e, tamén, o editorial. No marco desta cita presentarase un dos grandes acontecementos tecnolóxico-literarios da tempada en Galicia: a novela interactiva Ti primeiro, dirixida e e co-protagonizada por Roberto Alvite e dispoñíbel con formato de aplicación para iOS e Android. As xornadas achegaranse en streaming dende a web de seu. Haberá relatorios, presentacións, mesas de debate e obradoiros sobre dereitos de autor, ferramentas docentes e de guión e narrativa de videoxogos.
A axenda comeza o 2 de setembro ás 16 horas coa inauguración a cargo da Fundación Carlos Casares. Despois será a quenda dos relatorios Os comezos do audiovisual interactivo en España, a cargo de Víctor Freixanes e Gilberto Sánchez, e Os esports en Galicia e en España, con Hugo Botana, Sandra Cabeza “Leviathan”, Diego Vidal e Hugo Santomé “Curruncho”. Ás 18.30 horas presentarase a exposición A literatura entra en xogo e do proxecto Música e videoxogos, na Fundación Museo do Videoxogo de Galicia.
A xornada do día seguinte arrincará co relatorio El cuento de sirena: Unha visión (pre) videolúdica de Gonzalo Torrente Ballester, por Antonio Gil, e proseguirá cunha aproximación a Bitsy e Twine da man de Miguel Valverde.
Logo, Ramón Méndez, Alba Calvo e Anxo Suárez achegaranse á Tradución e localización de videoxogos e Roberto Janeiro abordará a cuestión dos Dereitos de autor nos videoxogos e nas adaptacións literarias.
Ás 18 horas está prevista a mesa redonda O galego nas redes sociais, na que estarán presentes ago Gordillo, Mario García e Esther Estévez. Logo será a quenda de Josué Monchán con Guión e deseño narrativo nos videoxogos”
O sábado desenvolverase o obradoiro Cóntame un conto, que imparte Ramón Besonías. Ás 11.00 horas presentarase a novela interactiva Ti primeiro, da man de Roberto Alvite e Luz Castro. As xornadas rematarán con Ti participas, mesa moderada por Carlos Pereiro.

PUBLICIDADE