Todo listo para a nova entrega da Noite Galega das Telecomunicacións
xoves, 28 de setembro do 2017
Este
venres 29 vaise
celebrar na Coruña a nova entrega da nosa gran festa da comunicación
e a información e as tecnoloxías que as fan posíbeis. Mellor dito:
a nosa gran festa de todo aquilo que revoluciona, fai avanzar e
ampliar o noso xeito de intercambiar información. Falamos da Noite
Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que
este ano xirará arredor da necesidade de adestrarnos e capacitarnos
para a que está sendo (e será) unha das grandes ameazas
tecnolóxicas do noso tempo: a
ciberdelincuencia. Máis polo miúdo,
a Noite comeza ás 20.00 horas no recinto de
PALEXCO, e estará presidida polo titular
da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
A actriz Silvana
Sestelo presentará o evento, no que se desenvolverá,
en palabras da organización (o
Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación
de Galicia, COETG-AETG),
“un
espectáculo especialmente creado para a ocasión”.
Segundo
informan os impulsores do evento, a
gala achegará unha serie de novidades importantes con respecto ás
anteriores entregas. Será, en palabras do COETG-AETG unha cita
“coidada e disruptiva” que comezará cun cóctel-networking
que dará paso, no salón Arao, a un
espectáculo en cuxo transcurso entregaranse
os Premios
Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2017.
Nesta
edición a relación de premiados son: Enxeñeiro do Ano a Paulino
González; Socio de Honra a Mar Pereira, directora da Axencia para a
Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA); Enxeñeiro Gerardo
García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC a Situm
Technologies; Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC
a Alejandro Ramos Soto; ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios
Sociais, outorgado en colaboración coa AMTEGA, a Balidea Consulting
& Programming; ao mellor expediente académico do Máster en
Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo a Víctor
Manuel Segura Sieiro; e o premio Acuntia á empresa galega que aposta
polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de
telecomunicacións a FINSA.
Volvendo
ao fío temático da Noite, será, como dixemos, o da
ciberseguridade. Segundo nos contou recentemente o director da AETG,
“escolleuse esta temática para analizar os diferentes factores que
inflúen no afianzamento da utilización do espazo dixital de forma
segura”. Estarán presentes neste foro todos os axentes implicados
en ciberseguridade, tanto do ámbito privado como do público, para
tomar consciencia da importancia do ciberespazo e a seguridade do
mesmo no desenvolvemento económico e social.
A
gala rematará ás 22.30 horas e,
a continuación, as autoridades, premiados, patrocinadores e
directivos do Colexio e da Asociación de Enxeñeiros de
Telecomunicación de Galicia posarán ante as cámaras dos medios de
comunicación.
Unha
vez rematada a cerimonia dará comezo unha cea á que está previsto
que asistan uns 300 profesionais e empresarios do sector.