Todo listo para a apertura de portas de Compostweets, este sábado en Santiago

xoves, 24 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Esta semana presentouse en Santiago a xuntanza Compostweets, un encontro do que xa temos falado nesta web para dar conta dos seus primeiros pasos e que se dirixe a acoller un macrodebate arredor do fenómeno do que máis se fala dixitalmente: as redes sociais. E todo isto, tal e como se desprende do nome da xuntanza, facendo especial fincapé nas posibilidades de comunicación e promoción da rede Twitter, pero tamén de Facebook. A primeira edición do Encontro Anual de Social Media en Galicia (nome longo de Compostweets) celébrase o vindeiro 26 de febreiro no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. No acto de presentación do mesmo, celebrado na Cidade da Cultura, fíxose fincapé na Rede 2.0 como instrumento accesible, universal, eficaz e económico para a promoción das nosas empresas, a comunicación e, tamén, a aprendizaxe a distancia (e-learning).
No avance do congreso participaron Alfonso Freire (coordinador da xuntanza e membro de Lúdica7, promotora de Compostweets), Alberto Seoane (experto en redes sociais e encargado de moderar no congreso a mesa de debate sobre Twitter) e Beatriz González (directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia). Segundo contou Alfonso Freire, unha das razóns principais que animaron a esta convocatoria de internautas 2.0 baseouse na arela de transmitirlles a empresas e institucións galegas a importancia de estar presentes nas redes sociais “de xeito eficaz, coherente e profesional, coa utilidade que isto achega en canto a promoción e difusión de marca”.
Cómpre lembrar que a xornada deste sábado 26 dará comezo a partir das 9.45 horas e que se prolongará até as 18.30, como dixemos no Palacio de Congresos de Santiago. No acto de apertura fará acto de presenza Carme Pardo, secretaria xeral de Turismo. Ao longo do congreso, sucederanse as clases e mesas redondas acerca do potencial das redes sociais como transformadoras do noso panorama empresarial, “convertendo as relacións coa sociedade en algo moito máis directo”.

PUBLICIDADE