Threads supera os 70 millóns de usuarios

venres, 7 de xullo do 2023 Marcus Fernández

O lanzamento de Threads está a ser todo un fenómeno na Rede pese a non chegar aínda a Europa por mor da nosa lexislación de protección de datos, confirmando que o momento escollido para abrir a aplicación ao público foi moi atinado, xa que aproveitaron que Twitter está a pasar o peor momento da súa historia.
Que Threads conseguirse 10 millóns de altas en 7 horas foi todo un logro, pero durante a xornada do venres tanto Mark Zuckerberg como Adam Mosseri confirmaron que a nova aplicación social superara a barreira dos 70 millóns de usuarios rexistrados, volume que Facebook tardou 4 anos en acadar, aínda que o propio Mosseri tamén é moi consciente de que o pulo inicial non lles permite relaxarse, xa que o grande reto que ten Threads por diante é manter o interese dos usuarios.
Mosseri tamén afirma que o obxectivo de Threads non é substituír a Twitter, xa que pretenden que o novo espazo de conversa estea libre das discusións tóxicas, de xeito que a política e a actualidade máis dura non xogarán un rol importante en Threads do mesmo xeito que actualmente tampouco o fan en Facebook e Instagram. Incluso chega a recoñecer que non queren repetir o erro que no seu día cometeron en Facebook ao dar importancia ás novas, pois a plataforma funciona mellor agora que está máis orientada aos usuarios.
Dende Threads tamén recoñecen as moitas carencias que presenta actualmente a súa aplicación, e xa apuntan que están a traballar na incorporación pronta dunha mellor función de busca, de cancelos (algo fundamental para, por exemplo, contar coa complicidade dos medios de comunicación para canalizar debates durante a emisión de programas), a mensaxería privada, a posibilidade de ver as publicacións en orde cronolóxica e o soporte do Fediverso (ou sexa, que podería conectar con instancias de Mastodon e outras plataformas semellantes). Tamén aseguran que están a preparar un mecanismo para permitir darse de baixa de Threads sen ter que facelo de Instagram, aínda que advirten de que xa é posible desactivar a conta de Threads.
Queda así constancia de que estamos ante unha aplicación en construción, que en só un par de días conseguiu o que outras plataformas tardaron anos en facer, o que non significa que sexa a morte de Twitter, aínda que si pon as cousas moi difíciles para as alternativas a Twitter que foron chegando nos últimos meses, e que manexan uns volumes de actividade ridículos en comparación.

PUBLICIDADE