The Old Reader deixará de operar como substituto de Google Reader nun par de semanas

martes, 30 de xullo do 2013 Marcus Fernández

O equipo de The Old Reader antes do 13 de marzo

O peche de Google Reader levou a milleiros de usuarios de todo o mundo a buscar sucesores do servizo de xeito desesperado para poder continuar a acceder aos seus fluxos de contidos, pero este salto está a resultar moito máis complicado do que era de prever pois, por unha banda, a meirande parte destes sistemas non conseguiron chegar coa debida antelación (moitos aínda están en fase de probas) e, por outra, a súa viabilidade a longo prazo resulta moi dubidosa, por carecer de modelos de negocio que os sosteñan, o que vén de quedar en evidencia tras o anuncio dos responsables de The Old Reader, un dos servizos máis semellantes esteticamente a Google Reader, de que pechan parcialmente o seu sistema por ser incapaces de facer fronte á vaga de usuarios que chegaron nas últimas semanas.
Dende The Old Reader aseguran levar 5 meses de auténtico inferno, pois dende o anuncio do peche de Google Reader disparouse o seu número de usuarios, e ante a imposibilidade de poder levar unha vida normal (estamos ante un proxecto cuns recursos moi limitados) decidiron retomar o servizo a como era antes do mes de marzo, pechando a entrada de novos usuarios e advertindo de que en dúas semanas pecharán a súa páxina web pública para lanzar un servizo privado que esperan poder manter dignamente, coas súas funcionalidades operando correctamente tal e como facía antes da recepción masiva de novos usuarios.
Os usuarios de The Old Reader de antes do 13 de marzo poderán gozar do novo servizo de xeito automático, medida coa que pretenden deixar fóra a todos os que acudiron a este proxecto como un simple substituto de Google Reader. Tamén aseguran que se alguén quere adquirir The Old Reader e convertelo nun mellor servizo, están abertos a propostas; pero se algo parece quedar claro con este anuncio é que os servizos deste tipo precisan ter publicidade ou ser de pagamento para poder sobrevivir a longo prazo, polo que os actuais substitutos de Google Reader, ou adoptan claros modelos de negocio, ou continuarán a ser solucións moi inseguras que calquera día poderán pechar as súas portas, non sempre coas facilidades que puxo Google para poder recuperar os datos almacenados nos seus sistemas.
ACTUALIZACIÓN (1-8-2013): Tras recibir varias propostas, os responsables de The Old Reader adiantan que non pecharán o seu servizo público.

PUBLICIDADE