The Interview consegue grande difusión a través da Rede

venres, 26 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Os protagonistas participan nun complot da CIA para asasinar a Kim Jong-Un que non agradou a Corea do Norte

Cumprindo co prometido, o filme The Interview chegou a tempo para o Nadal, tanto nun reducido de salas cinematográficas norteamericanas (331) como a través da Internet, e Sony tanto facilitou a posibilidade de alugar durante 48 horas a película por 5,99 dólares a través dunha páxina web creada para a ocasión como ofreceu tamén a obra a través de plataformas en liña como en Google Play, Xbox Video e YouTube Movies, o que podería parecer un movemento atinado nos EE.UU., pero que internacionalmente veuse como un completo desastre, xa que forzou a potenciais espectadores de pagamento de todo o mundo a recorrer a plataformas de descarga alternativas para poder gozar da película, estimándose que en menos de 24 horas superáronse as 900.000 descargas a través de BitTorrent.
Curiosamente unha das causas que propiciou a circulación de copias irregulares da película foi a propia Sony, xa que a plataforma principal que empregou para distribuír a película en aluguer tiña serios problemas de seguridade, de xeito que durante a reprodución da peza permitía a súa copia en local e incluso compartir o enderezo para a reprodución con calquera outra persoa.
Iso si, o acceso legal á película non está a ir nada mal, e actualmente The Interview está en cabeza nos vídeos populares en YouTube (pese a ser un contido de pagamento), o que ten certo mérito, xa que a produción non tería acadado tales cotas se non fose pola polémica espertada ao seu redor, xa que estamos ante unha obra de calidade máis que discutible e cun humor moi particular (de pouca aceptación fóra dos EE.UU.), que demostra unha vez máis a vixencia do famoso efecto Streisand, ou sexa, que o intento de ocultar un contido o único que fai é incrementar a súa visibilidade.

A versión de aluguer do filme permitía compartirse sen limitacións e incluso gravar unha copia da película en local

PUBLICIDADE