TeuTubo, espazo na Web que recompila ligazóns a vídeos en galego

xoves, 22 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Chámase TeuTubo e non é casualidade que o seu nome sexa ese. Dito doutro xeito: o obxectivo da Axencia Audiovisual Galega (Consellería de Cultura) ó poñer en marcha este servizo é seguir o ronsel de YouTube, polo menos nos primeiros metros, para logo seguir o seu propio vieiro. TeuTubo é un espazo que colleita ligazóns a vídeos galegos pendurados na Rede. O servizo, que en última instancia vai encamiñado a potenciar o audiovisual feito na nosa terra tanto nela como no resto do mundo, inclúe varias categorías: animación, curtametraxes de ficción de hoxe en día, curtametraxes de ficción dos anos 80 e 90, curtas feitas nas escolas galegas, documentais, patrimonio audiovisual galego, videocreación e Premios Mestre Mateo 2006 (por certo que mañá venres 23 o Club Internacional de Prensa en Santiago acolle a presentación dos nomeados para a edición 2007).
Cómpre sinalar que se trata dun recuncho web en desenvolvemento, como calquera servizo deste calibre, e que paseniño iranse incorporando máis vídeos (a medida que os internautas galegos tamén o fagan), compensando un pouco esa certa tristura que se lle queda ó usuario cando comproba que no apartado de animación só hai un único vídeo pendurado. Sexa como sexa, a iniciativa segue adiante, e que sexa por moito.
Vímolo en Chuza!

PUBLICIDADE