Terra da Fraternidade retransmitiuse en streaming

venres, 11 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

Terra da Fraternidade, o festival e a web do mesmo nome, ámbolos desenvolvidos para conmemorar ao cantautor portugués Zeca Afonso (e máis as múltiples ligazóns de dous países irmáns que constitúen en moitos aspectos un único país: o galego-portugués), bateron importantes marcas de seguimento, participación (público e artistas) e convocatoria. Como lembraremos, baixo o obxectivo de festexar o “espírito revolucionario e a irmandade”, púxose en marcha unha web informativa e un festival de música con 30 artistas de Galiza, Portugal ou Angola. O festival tivo lugar este xoves en Santiago e, dado o elevado número de xente que ficou fóra (non había localidades para tantas e tantos), a organización retransmitiuno en streaming en directo e deixouno logo na Rede, para quen queira velo (tres horas e media de boa música).
O festival, cuxo intre cumio foi a interpretación colectiva de Filhos da Madrugada e Grandola, Vila Morena, ten un antes e un despois na Rede, tanto na venda de entradas (previamente) como na recadación de fondos, crowdfunding, a través do servizo Verkami (posteriormente). De feito, o proxecto desenvolveuse á marxe de calquera apoio público ou privado: só grazas a través dos internautas-seareiros. Así, tódalas entradas foron vendidas en liña antes de que se puidera abrir a billeteira do Auditorio de Galicia (emprazamento do festival), máis de 900 entradas. O proceso rematou xa a comezos desta semana, o de que deixo inevitábel derivou nunha chea de xente sen posibilidade de asistir ao macroconcerto. En consecuencia, “a gala retransmitiuse en streaming a través da web de Terra da Fraternidade e pola Radio Galega; amais Radio 3 realizará un programa especial posterior ao festival”, informan os organizadores do evento. Segundo nos conta Xoán Quintáns, un dos organizadores do festival, “este é un soño persoal e colectivo cumprido, unha festa da cultura galego-portuguesa, un acto de irmandade, que esperamos que se poida replicar noutros lados se conseguimos financiamento, xa que quedaron moitos artistas sen poder participar e moito público que non puido estar no Auditorio”, afirmou.
Como dixemos, aínda que o concerto foi un éxito, o festival procurará conseguir financiamento para poder gravar o disco do festival e producir un documental a través do servizo Verkami a partir deste venres. “Non se pide moito, só o que cada quen teña a ben achegar”, comentan. Os artistas que formaron parte do cartel son: Quico Cadaval, Banda Utopía, García e Leo, Joao Afonso, Xabier e Guille Fernández, Tiago Gomes, Ico e Xurxo Souto, Carlos Blanco, Xico de Cariño, Ses e Bocixa, Ze Rui, Trópico de Grelos, Aline Frazao, Fran Pérez, Uxía, Sergio Tannus, Vituco, Adrián Beiroa, Najla Shami, Brais Morán, Chévere, Banda Fura Fura e os 7 Magníficos máis 1.

PUBLICIDADE