Teo achegará a súa información urbanística na Rede

venres, 19 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

Red.es, a entidade público-empresarial española, vén de abrirlle a porta ao Concello de Teo (A Coruña) para entrar a formar parte do programa Urbanismo en Rede, xurdido do acordo entre diferentes ministerios (incluído o de Industria) e dirixido a favorecer o afianzamento das novas tecnoloxías no eido urbanístico municipal. A iniciativa, entre outras cousas permitirá que o devandito Concello achegue na súa web información sobre obras, licenzas, proxectos e demais. O programa xorde cun triplo obxectivo: favorecer a transparencia a través da publicación en liña dos plans urbanísticos, fomentar a interoperabilidade en liña entre administracións e mellorar a eficacia da xestión municipal.
A posta en marcha da iniciativa neste termo territorial coruñés levarase a cabo grazas a unha achega do 70% do investimento total por parte do Ministerio de Industria, a través de Red.es, con Fondos FEDER, e o resto cofinanciado pola entidade local participante.
“En cada un dos concellos seleccionados nesta segunda convocatoria pública que se sumen ao Programa”, sinala Red.es, “levarase a cabo a vectorización e sistematización do planeamento urbanístico, a posta en marcha do equipamento e as aplicacións informáticas que dean soporte á explotación e visualización da información e a capacitación dos técnicos municipais”. Os traballos dará comezo no segundo trimestre de 2011 e estímase o seu remate nun prazo de entre seis e nove meses.

PUBLICIDADE