¿Teñen os norteamericanos interese polos blogs persoais?

mércores, 25 de outubro do 2006 Marcus Fernández

Un estudo sostén que, ó contrario que en Europa, os blogs persoais non son moi populares nos EE.UU., onde os blogs tecnolóxicos, culturais e políticos teñen máis peso. Así, o blog máis popular sería o de Engadget, seguido por Boing Boing e Gizmodo, ou sexa, que 2 dos 3 mencionados estarían dedicados ós gadgets, e se tomamos ós 100 blogs máis populares como referencia teriamos que 34 son tecnolóxicos, 26 culturais e 25 políticos.
Esta análise empregouse utilizando como referente os datos de Technorati, que explora uns 54,7 millóns de blogs, e máis dun millón e medio de mensaxes ó día, aínda que é posible que os resultados amosados teñan un certo sesgo, xa que falan dos blogs máis populares e non consideran que comunidades coma MySpace poderían desbotar a análise realizada porque conta con máis de 100 millóns de usuarios rexistrados dos que boa parte teñen o seu blog no servizo (aínda que hai reticencias en aceptar a MySpace dentro da blogosfera) pero case ningún achega moitas visitas (pero si no seu conxunto).
De feito, se consideramos as 236.845 ligazóns dende 25.928 blogs que recibe o blog máis popular (Engadget) fronte as 4.857.428 ligazóns dende 2.776.157 blogs que recibe MySpace poderiamos afirmar que en realidade os contidos persoais si acadan moito interese, pero repartido entre millóns de blogs.

PUBLICIDADE