Televés recunca en Andina Link, mostra latinoamericana de referencia no eido das telecomunicacións

xoves, 20 de febreiro do 2014 Redacción

A compañía compostelá Televés, especializada en equipamentos e servizos de telecomunicacións, vén de anunciar que reincidirá en Andina Link, unha feira do sector que constitúe un referente profesional para o mercado latinoamericano. A presenza de Televés no dito evento, onde xa ten participado, será a todas luces unha presenza privilexiada. De feito, o emprazamento da empresa galega estará moi preto da entrada do pavillón, estratexicamente situada para dar conta do mellor xeito posíbel das súas solucións punteiras para sistemas colectivos de captación e distribución de sinais de televisión para edificios, hoteis, hospitais, mineiras, etcétera.
Máis polo miúdo, amosaranse en detalle solucións dixitais con encoders e transmoduladores para alta definición (HD) en QAM, DVB-T/T2, ISDB-Tb e fibra óptica, realizando demostracións do funcionamento de sistemas de alta definición con calidade 1080p.
Lembar por outra banda que Andina Linx desenvolverase na cidade colombiana de Cartaxena de Indias do 25 ao 27 de febreiro. Esta contorna xeográfica, sinala Televés, rexistra cifras atractivas de crecemento económico, ao que se suma o desenvolvemento de importantes procesos de evolución tecnolóxica, como a implantación da Televisión Dixital Terrestre (TDT) e a aprobación de regulamentacións específicas sobre Redes Internas de Comunicacións (RITEL), como ocorreu en Colombia.

PUBLICIDADE