Televés presentará a súa revolucionaria tecnoloxía TForce en ANGACOM

martes, 31 de maio do 2016 Redacción

A compañía galega Televés vén de anunciar a súa presenza (novamente) en Colonia para dar a coñecer as súas últimas novidades tecnolóxicas no feira ANGACOM, evento referencial centrado nos sectores da TV, o cable e o satélite. ANGACOM desenvolverase entre o 7 e o 9 de xuño, contando coa presenza de medio milleiro de expositores duns 40 países (na feira en si mesma) e con 26 paneis tecnolóxicos (no congreso). Nesta vertente congresual do evento participará Justo Rodal, director técnico de Televés, baixo a temática do edificio intelixente como elemento integral das Smart Cities. No recinto feiral, na caseta D21, a compañía de Santiago dará a coñecer o que nas súas palabras constitúe unha “auténtica revolución tecnolóxica”.
Trátase de TForce, a tecnoloxía desenvolvida por Televés para deseñar, fabricar e montar compoñentes MMIC. Esta tecnoloxía, explica a firma galega, “supón un chimpo cualitativo na miniaturización de compoñentes electrónicos, e permitirá desenvolver unha nova xeración de produtos practicamente sen máis fronteiras que a creatividade dos deseñadores”.
O primeiro froito da aplicación desta revolución tecnolóxica é a antena Dat Boss TForce, que se dará a coñecer oficialmente na feira. Este produto, coma os restantes da familia TForce que están por vir, amosa importantes melloras sobre tecnoloxías previas, neste caso “un rango dinámico até agora descoñecido e un incremento do 27% de área de cobertura”, asegurando a calidade óptima do sinal de saída por moi difíciles que sexan as condicións de recepción, sinala Televés.
No alicerce destas importantes novidades está a tecnoloxía MMIC (Monolithic Microwave Integrated Circuits), que segundo informa a firma de Santiago é quen de superar as limitacións dos microchips de silicio dando paso a “unha nova era no deseño de compoñentes electrónicos”, ao permitir obter circuítos integrados que operan na banda de frecuencia dos microondas. Estes circuítos reducen con moito o seu tamaño, até unhas dimensións entre 1 e 10 mm2.
“Con TForce”, engade a empresa de telecomunicacións, “Televés entra nunha nova dimensión, na que se elimina a dependencia dos fabricantes de microchips e, por tanto, o límite no desenvolvemento de produtos xa non o establece a dispoñibilidade de compoñentes no mercado, senón a creatividade do equipo de deseño de microelectrónica da compañía”. TForce, ademais, fortalecerá a diversificación de Televés, ao permitirlle “desenvolver produtos punteiros para sectores moi competitivos e esixentes, como a aeronáutica, a sanidade, a enerxía ou o motor”.

PUBLICIDADE