Televés pon en marcha unha canle de televisión para informar dos seus produtos

martes, 22 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

A firma galega Televés vén de poñer en marcha unha canle televisiva ao servizo da información sobre produtos e servizos propios de seu: Televés Canal Corporativo (TCC). A cadea, encamiñada a fortalecer as comunicacións internas (para directivos e traballadores en xeral) e externas (para clientes), achegaralles a todos os centros da compañía unha programación en bucle na que se incluirá información sobre o grupo e sobre produtos estratéxicos, novas, campañas de publicidade e pezas de lecer. A idea da empresa compostelá é coidar ao máximo a feitura dos contidos ao tempo que se aposta pola linguaxe próxima, o máis directa e amena posible.
Na imaxe, a antena DAT HAD desenvolvida pola empresa galega.
Como dixemos, a canle corporativa estará accesible en todas as delegacións de Televés en España, estando previsto logo facela chegar ás filias internacionais e á propia web da compañía. Nas primeiras emisións de TCC, os clientes de Televés poderán informarse polo miúdo sobre produtos da casa como a antena intelixente DAT HD (construída para a televisión dixital de xeito específico), o medidor de campo portátil H45 ou a xira Tour HDTV, que está a informar por toda a Península das vantaxes da televisión de alta definición.

PUBLICIDADE