Televés patrocina a convención de almacenistas europeos de material eléctrico

mércores, 3 de xuño do 2015 Redacción

A compañía galega Televés vai patrocinar a edición número 60 da Convención Xeral de EUEW, a unión europea de almacenistas de material eléctrico. A xuntanza celebrarase en Lisboa durante os días 4 e 6 de xuño e nela concorrerán empresas e profesionais de arredor de dúas ducias de países. Segundo avanza Televés, o eixo temático principal do foro será o seguinte: o papel que xogan e van xogar os almacenistas de material eléctrico nun contexto marcado pola evolución tecnolóxica (recursos dixitais, comercio electrónico). O epígrafe, que fala por si só do programa de actividades e temas a tratar, é Cambio e innovación, novas tecnoloxías e novos competidores.
Televés apoia o evento co seu patrocinio e coa participación dunha delegación encabezada por Manuel Martínez, director xeral de Negocio, e Matthias Dienst, director xerente da filial en Alemaña. Este será precisamente o país máis representado, xa que preto do 30% dos asistentes procederán de Alemaña.
Segundo avanza a empresa emprazada en Santiago, daranse cita en Lisboa executivos de empresas de 17 países europeos, máis Canadá, Estados Unidos e Emiratos Árabes. Para a compañía, apoiar este encontro xunto a outros grandes actores internacionais do sector significa “situarse nunha posición de liderado desde a que poder xerar importantes contactos comerciais e oportunidades de negocio”.

PUBLICIDADE