Televés mostrará as súas novas contribucións aos edificios intelixentes no novo encontro AMETIC

xoves, 26 de agosto do 2021 S. P.

O director xeral de estratexia de Televés Corporación, José Luis Fernández Carnero, participará os próximos días 1, 2 e 3 de setembro no 35º Encontro da Economía Dixital e as Telecomunicacións, #Santander35. O evento organizado por AMETIC baixo a lema Reencontro, Recuperación e Reinvención, centrarase nesta edición 2021 na transformación dixital e a transición ecolóxica como bases para revitalizar a economía, a industria e a sociedade.
Contarase con algunhas das figuras empresariais máis importantes do sector, convertendo este evento en referencia dentro da industria tecnolóxica.
Serán, segundo confirma a empresa galega de telecomunicacións e equipamento para os fogares dixitais, tres xornadas nas que se debaterá ao redor das posibilidades das tecnoloxías avanzadas para habilitar novos xeitos sustentábeis, eficientes e intelixentes de facer riqueza, “especialmente durante os próximos anos que serán clave para o desenvolvemento do noso país”, sinala Televés.
Fernández Carnero, que representa a Televés Corporación neste encontro desde 2016, centrará o seu relatorio na conversión dos edificios en intelixentes a través da conexión cun nodo loT (Internet das Cousas), reinvindicando a importancia para o sector hospitality do hotel conectado. Carnero explicará como o edificio intelixente converteuse nun reto de sustentabilidade, ecoloxía, eficiencia e tecnoloxía, poñendo o foco no que facer para que a experiencia turística sexa “mellor e con menor impacto en destino”: comunicar os edificios turísticos. Para iso, avanza Fernández Carnero, “o hotel debe dispor da instalación dun nodo IoT conforme a normativa UNE178504, ademais dunha norma semántica de edificio (hotel como edificio) para que os aloxamentos poidan comunicarse coa plataforma do destino”. Segundo engade, “o nodo loT é quen de procesar os datos do edificio, conectar e interoperar con outras plataformas e, por suposto, garantir a privacidade dixital, amais de mellorar a habitabilidade e calidade de vida no edificio”.
A participación está concibida como un evento híbrido, cun compoñente virtual (en aberto) e outro físico (reservado para patrocinadores e invitados) na cidade de Santander.

PUBLICIDADE