Televés leva as súas máis recentes innovacións a ANGA Cable 2012

martes, 5 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

A empresa santiaguesa Televés anunciou esta semana que estará presente nun dos encontros europeos máis salientábeis do panorama das telecomunicacións. Falamos da feira ANGA Cable, que se desenvolve en Köln (Colonia, Alemaña) e que este ano estará máis centrada que nunca nunha tecnoloxía ben concreta e que lle toca ben de preto a Televés: o despregue LTE para o dividendo dixital, un proceso de reestruturación das frecuencias altas das canles da TDT e que implica que estas se desaloxen para permitir a chegada da rede 4G. ANGA Cable desenvolverase do 12 ao 14 de xuño.
Neste senso e como recurso para esta nova orde de cousas, Televés amosará produtos específicos para filtrar os sinais 4G e garantir a mellor achega posíbel do sinal de Televisión Dixital Terrestre (TDT). Asemade, a compañía compostelá vai presentar outras novidades de vangarda tecnolóxica como por exemplo o medidor H60, unha evolución da gama H45 (o primeiro medidor portátil que incorporou no seu seo o procesado dixital) e que mantén “a súa precisión e fiabilidade incluíndo a maiores importantes avances, como a extensión do analizador de espectro e medidas até os 3,3 XHz, a función TILT, as medicións de atenuación de rede en frecuencia e canle, medidas avanzadas de DVB-T2 e unha pantalla de meirandes tamaño, resolución e contraste”. Televés tamén dará a coñecer a súa gama de multiconmutadores e centrais Easyswitch con conexión EasyF, que salientan por unha función (four in one) que permite ao instalador configurar unha soa referencia en distintos andares do edificio.

PUBLICIDADE