Televés lanza a liña de amplificadores intelixentes SmartKom, que se configuran nun só botón

martes, 20 de decembro do 2022 S. P.

A empresa tecnolóxica Televés, con sede principal en Compostela, vén de presentar un novo fito en materia de solucións profesionais para as infraestruturas de comunicación de edificios e fogares. En concreto, lanzou ao mercado o seu último desenvolvemento de produto para a distribución de TV: SmartKom. En palabras da compañía, trátase do “primeiro amplificador intelixente cuxa funcionalidade pode ser xestionada cun só botón”.
Segundo explica Televés, a gama de amplificadores SmartKom simplifica o labor de instalación de TV en vivendas familiares, combinando as funcións de varios elementos nun só dispositivo que subministra o sinal completo de televisión a través dun único cable coaxial. Ademais, Televés salienta a capacidade de resposta dos amplificadores do dispositivo, e coa simple pulsación dun botón configuran por si mesmos a mellor oferta de canles dispoñíbel, xunto a un nivel de sinal perfectamente equilibrado entre eles. Grazas a este factor de “intelixencia integrada”, os amplificadores SmartKom están deseñados para “un funcionamento plug&play”, explica Televés, destacando que abonda con premer en “autoprogramación” para establecer as mellores condicións para o sinal de TV recibido. En concreto, combina ata 32 filtros dixitais, polo que podemos axustar e equilibrar cada canle por separado, coa seguridade engadida de evitar calquera interferencia da banda 4G/5G ao incorporar un filtro SAW de alto rexeitamento.
De querermos configuralo de xeito manual, o acceso ao amplificador SmartKom está dispoñíbel a través da aplicación ASuite, compatíbel con PC, Mac, Android e iOS. O proceso permite unha configuración individualizada en tres pasos: primeiro programando os filtros e niveis de axuste, despois un axuste fino do nivel para unha maior precisión, para rematar coa vixilancia das canles.
SmartKom vén nun formato exterior, para a súa instalación no mastro da antena, caso en que se inclúe a fonte de alimentación co produto, ou nun formato interior, cun deseño robusto e compacto para facilitar a instalación.

PUBLICIDADE