Televés facilítanos cunha guía o acceso ás axudas de dixitalización rural do Plan ÚNICO

mércores, 26 de outubro do 2022 S. P.

A empresa compostelá Televés elaborou unha guía para a xestión das axudas estatais do Plan ÚNICO, destinado a dar un impulso decisivo á banda larga no rural. Segundo fai saber a compañía, trátase “dunha guía definitiva” que serve de axuda a todos os axentes interesados en acceder a estes apoios na súa xestión e presentación de propostas. O Plan ÚNICO é, en palabras de Televés, unha iniciativa que pon o foco en conectar a España baleirada á Internet ultrarrápida, superior a 100 Mbps, cunha previsión de chegar a 1.265.967 fogares e empresas situadas en 4.516 municipios de toda España, completando así a transformación dixital do país.
O plan, engade a empresa de Santiago, ten a súa orixe na situación actual de España en materia de conectividade, que “non conta cunha rede de banda larga uniforme ao longo do seu territorio, existindo numerosas zonas nas que este servizo ou non chega nas mellores condicións ou, directamente, non existe”. O Goberno quixo saír ao paso desta realidade co dito plan, que busca converterse no principal vector de vertebración territorial e cohesión social.
Enfocado á Axenda Dixital 2025 do Plan de Recuperación e dotado con 250 millóns de euros, englobará outras convocatorias e solucións coas que se completará a universalización do acceso á banda larga ultra rápida en todo o territorio.
A segunda convocatoria do programa ÚNICO lanzada polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital estará aberta ata o 31 de decembro de 2023, para fogares ou empresas situadas en zonas illadas ou remotas, fomentando a despregadura das infraestruturas de comunicación necesarias para prestar servizos aos seus usuarios, de polo menos 300 Mbps e con posibilidade de evolucionar a 1 Gbps simétricos.
“En Televés somos conscientes de que tanto a linguaxe como os pasos a dar neste tipo de procedementos poden ser arduos, sobre todo para aqueles particulares e empresas que non estean familiarizados con eles, por iso creamos a guía definitiva para axudar aos destinatarios potenciais a coñecer a repartición de fondos e liñas de actuación por Comunidade Autónoma, así como a presentar a solicitude de axudas”, engade a empresa de Santiago.
Nesta completa guía atoparemos os seguintes contidos:
● Repartición de fondos: Criterios e contías por Comunidades Autónomas
● Liñas de actuación
● Requisitos para renovacións de radiotelevisión e banda larga ultrarrápida
● Gastos subvencionábeis e intensidade das axudas
● Traballos vencellados ao titulado competente e empresa instaladora
● Prazos de solicitude de axudas segundo o RD de lei 36/2020 do 30 de decembro
● Todos os documentos necesarios para solicitar a subvención

PUBLICIDADE