Televés equipa o Hotel Shangri-La de Doha cun avanzado sistema de información ao cliente

martes, 29 de marzo do 2016 Redacción

A compañía galega Televés, centrada en equipamento innovador de telecomunicacións, vén de informar dun importante traballo despregado en Oriente Medio, máis polo miúdo no Hotel Sangri-La de Catar, onde a firma de Santiago implantou un sistema audiovisual e de información ao cliente con 800 puntos de visualización. Segundo informa Televés, este encargo é froito da longa e frutífera experiencia da compañía en materia de solucións FibreData e CoaxData para o despregamento de servizos audiovisuais no sector hostaleiro, tecnoloxías que dan acceso (con ou sen fíos) a canles de TV procedentes de calquera plataforma (TDT, satélite, IPTV, OTT, Vídeo Baixo Demanda).
O novo equipamento habilitado no Sangri-La de Doha propúxose co seguinte desafío: despregar un sistema de IPTV (Internet Protocol Television) con todas as funcionalidades que se agardan dun establecemento de cinco estrelas, “cen por cen personalizado para o cliente”. Segundo engade a firma de Santiago, “tratouse dun proxecto chave en man no que traballaron de maneira coordinada o equipo gráfico de Televés e o integrador local para xerar interfaces de usuario personalizados”.
Ao abeiro deste encargo, explícase, os sistemas audiovisuais integráronse co software de xestión hostaleira (PMS) e implantouse tecnoloxía mirror screen (pantallas de espello) nos baños. Como resultado de todo isto, os hóspedes poderán gozar en 800 emprazamentos diferentes “dunha auténtica oferta de televisión á carta”, á vez que as pantallas convértense en puntos de acceso a toda a información que poden necesitar para gozar da súa estadía. Ou sexa, para gozar dos servizos do hotel, da oferta local de lecer e compras, dos servizos de transporte, etcétera. Segundo engade a firma de Santiago, “dende os propios puntos de visualización os hóspedes poden mesmo consultar a súa conta de gastos”.

PUBLICIDADE