Televés desprega na ANGA Cable 2012 o seu amplo abano de solucións innovadoras

mércores, 27 de xuño do 2012 Raquel Noya

Do mesmo xeito que cando compramos un bo coche e orgullosos del o levamos a ensinar por aí adiante, Televés fai o propio coas súas solucións innovadoras, e ultimamente non se perde unha feira tecnolóxica para dar conta nela de tódolos seus avances en materia de I+D+i.
O último evento deste tipo no que Televés mostrou todo o seu potencial en materia de innovación foi a ANGA Cable 2012, na que as solucións tecnolóxicas da compañía galega tiveron unha gran acollida entre o público profesional que asistiu á cita.
Dise da ANGA Cable 2012 que é unha “auténtica referencia do sector alemán das telecomunicacións e que nesta edición tivo unha participación internacional moi destacada”.
Como en anos anteriores, Televés ocupou un stand na área dos grandes fabricantes europeos, onde suscitou gran interese a presentación das cabeceiras T.0X, caracterizadas pola súa eficiencia en termos de consumo enerxético por servizo distribuído.
Televés tamén exhibiu o concepto X de trasmodulación universal, a través dun mosaico de pantallas, nas que as persoas asistentes puideron gozar dunha demostración en primia da distribución de servizos 3D TV transmodulados de DVB-S2 a DVB-C2.
ANGA Cable 2012 foi tamén un escenario de excepción para a presentación oficial do medidor de campo portátil con procesado dixital de Televés, o H60, que fronte ao seu antecesor, incorpora unha pantalla de maior tamaño, resolución e contraste, mantendo toda a rapidez e precisión matemática do seu algoritmo de procesado, capaz de capturar dixitalmente tódolos parámetros do espectro de forma instantánea.
Din dende a compañía que os profesionais que probaron este equipo “valoraron o feito de que as prestacións que ofrece estean orientadas a facer máis doado e preciso o traballo dos instaladores de telecomunicacións”.
Asemade, no stand de Televés reservouse un espazo importante para a presentación da completa gama de solucións desenvolvedoras pola compañía para que os profesionais poidan facerlle fronte con éxito ás implicacións técnicas que terá o despegue dos servizos LTE, dentro do proceso de liberación do chamado dividendo dixital.
Manuel Martínez, director xeral Comercial de Televes Corporation, sinalou que ANGA Cable volveu a ser “o escenario anual perfecto para a presentación dos resultados da nosa actividade de desenvolvemento tecnolóxico”.Para nos”, engade, “esta cita alemá é un punto de encontro clave cos nosos clientes e canles de distribución internacionais”.
Martínez apuntou que este ano Televés foi a única empresa que presentou unha gama completa de produtos preparados para a LTE, algo polo que a organización os felicitou especialmente.

PUBLICIDADE