Televés crea unha web para adaptármonos ao apagamento analóxico

xoves, 9 de xullo do 2009 Raquel Noya

Televés, a compañía galega que máis está a facer en prol da chegada da TDT ao noso país, mirando porque esta se dea o mellor posible e procurando que o apagón analóxico non colla a ningún veciño sen terse adaptado antes, vén de por en marcha a web Elapagonanalogico.net, na que trata os aspectos técnicos do proceso de transición á televisión dixital para axudar aos técnicos e instaladores profesinais no seu labor de adaptación de terminais.
Esta acción, que non é a única que a compañía ten levado a cabo en torno a este sector, (lembremos que a TDT representa o 80 por cento do volume de negocio da firma galega) súmase á edición da guía Do apagamento analóxico ao arranque dixital, da que Televés distribuíu 15.000 exemplares entre os profesionais encargados de adaptar as antenas colectivas para a óptima recepción da TDT.
A posta en marcha da web e a produción e distribución da guía forman parte da política de soporte técnico e formativo aos instaladores profesionais, un aspecto da súa relación co cliente ao que Televés sempre dedicou especial coidado.
A compañía con sede en Santiago de Compostela apoiouse na súa ampla rede comercial para facer chegar o documento os instaladores de todas as comunidades autónomas españolas, e púxoo a disposición dos mesmos na devandita páxina web, onde poden consultalo e descargalo de balde sen ningún tipo de requerimento.
A guía Do apagamento analóxico ao arranque dixital é un documento de 40 páxinas no que se ofrece información sobre os principais parámetros do proceso de transición á TDT, e sobre as condicións técnicas e o equipamento necesario para adaptar as instalacións, tanto individuais coma colectivas, facendo fincapé na importancia de coidar todos os elementos que forman parte da instalación para garantir a calidade do servizo.
O folleto inclúe, asemade, ampla información sobre os equipos de Televés para a captación, distribución e medida do sinal da televisión dixital terrestre.

PUBLICIDADE