Televés consolida a súa presenza comercial no sueste asiático

mércores, 4 de xullo do 2012 Raquel Noya

Do pasado 19 ao 22 de xuño celebrouse en Singapur a 17º edición da Broadcast Asia, o certame considerado polos profesionais do sector “como o evento tecnolóxico de referencia” no que non faltou a galega Televés.
A compañía compostelá, que conta cunha relevante presenza nestes mercados asiáticos dende hai 18 anos, consolidou a súa marca coa participación neste prestixioso evento, ao servirlle para “reforzar lazos”, segundo afirman, “cos principais operadores e distribuidores de países como Singapur, Malasia, Tailandia, Filipinas, Corea, Hong-Kong, Indonesia ou Australia”.
Nestes países, Televés colabora cos principais operadores e xoga un papel activo en procesos de transición da tecnoloxía analóxica á dixital, e coa participación na Broadcast Asia aínda dou un paso máis na súa aposta por esta rexión, da que din, “ofrece importantes posibilidades de crecemento”.
A cita tamén lle serviu á galega de telecomunicacións para dar a coñecer as súas cabeceiras de distribución T.0X, que espertaron gran interese, así como as súa antenas Omminova, as cales están a ser utilizadas para captar o sinal das pantallas xigantes emprazadas na Orchard Road, a rúa principal e máis concorrida de Singapur.
No seu stand, que se situou no pavillón de empresas de España, Televés tamén expuxo a súa completa gama de centrais e amplificadores de distribución, así como distintas solucións de seu para operadores de radiofrecuencia, que contan, segundo afirman, “cos últimos avances en transmisores e gap-fillers”.

PUBLICIDADE