Televés colabora nun sistema aberto de IoT para mellorar a calidade de vida dos maiores

xoves, 22 de decembro do 2016 Redacción

Televés é unha das 50 empresas europeas que participan no proxecto ACTIVAGE, unha iniciativa conxunta de saúde dixital e envellecemento activo coa que se busca construír unha plataforma aberta e interoperábel baseada en Internet das Cousas (IoT) para, en palabras da compañía galega, “o despregue de solucións que favorezan a autonomía e a calidade de vida das persoas maiores”. O papel da compañía compostelá de telecomunicacións será o desenvolvemento dunha proba piloto galega na que 700 usuarios tomarán parte na validación de solucións para a integración social e sanitaria. Para a realización desta proba Televés colaborará co Servizo Galego de Saúde (SERGAS), a Cruz Vermella, Fundación Vodafone, a Fundación Tecsos, a Universitat Politècnica de Valencia e máis aAxencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
ACTIVAGE, informa Televés, é un proxecto financiado pola Comisión Europea no marco do programa Horizonte 2020. Conta cun orzamento de 25,3 millóns de euros e un prazo de execución de 42 meses, e o seu obxectivo, como dixemos, é facer fronte ao reto que supón o envellecemento da poboación, botando man dos conceptos do envellecemento activo TIC (emprego de programas e recursos que contribúan a unha mellora da saúde dende todas as frontes, no físico e no mental) e máis concretamente da Internet das Cousas (os obxectos conectados a través das redes, entre eles e con nós).
Televés explica que “as solucións expostas oriéntanse a empregar a tecnoloxía para incrementar a seguridade das persoas maiores, favorecendo o mantemento da súa independencia e participación social, así como a reducir o impacto negativo que implica a deterioración cognitiva dos maiores e das doenzas crónicas”. Así mesmo, a creación da plataforma “impulsará no futuro o desenvolvemento de novos servizos e oportunidades de negocio no ámbito do Smart Living”.
“O noso piloto”, sinala a firma galega, “servirá para ampliar a interoperabilidade das nosas solucións deseñadas coas principais plataformas de Internet das Cousas, reforzando aspectos como a seguridade, o intercambio de información entre os fogares das persoas que necesitan coidados e os centros asistenciais, a mellora da facilidade de uso dos dispositivos, ou a integración coas redes de telecomunicación despregadas no fogar”.

PUBLICIDADE