Televés atalla o cumprimento do seu plan NP100, con 86 lanzamentos en 2011

mércores, 8 de febreiro do 2012 Raquel Noya

A unidade móbil de Televés, que estes días anda polo Levante


A galega Televés, que estes días está por terras levantinas informando aos universitarios de Alicante e Elche da nova normativa sobre instalacións comúns de telecomunicacións (ICT2) e outras novidades do sector, puido viaxar ata alá coa satisfacción de ter deixado os deberes feitos, pois leva máis que cumpridos e superados os obxectivos que tiña marcados para o 2011, con 86 lanzamentos de produtos novos.
Fai xusto un ano, Televés fixo pública unha “ambiciosa aposta para renovar a fondo o seu catálogo e reforzar o seu liderato a través da innovación”, era o chamado plan NP100, que tiña como obxectivo superar o cento de novidades de produto en 18 meses e que, pasados dous terzos do tempo establecido, os seus responsables xa aseguran que “está a ser un éxito”, e mesmo auguran que o obxectivo dos 100 lanzamentos “cumprirase con antelación respecto ao calendario previsto”.
As novidades lanzadas no marco desta estratexia cobren tódalas áreas de especialización nas que traballa Televés, dende a Captación do sinal ata a Integración de servizos de telecomunicacións, pasando pola Xestión de cabeceira, Distribución, Recepción ou Medición, que tiveron gran acollida por parte dos profesionais que tiran proveito delas en distintas feiras especializadas.
Por exemplo, no eido da Captación de sinal, no que a firma desenvolveu un total de 18 novidades de produto, Televés lanzou unha nova gama de torretas, que presentou “con gran éxito” na feira Wind Power, e incorporou tecnoloxía intelixente Boss Tech nas antenas Diginova e Omninova.
En Xestión de cabeceira, o número de lanzamentos ascende a 28, destacando as cabeceiras T.0X e os seus módulos DVBS2 a COFDM, presentadas na feira ANGA Cable 2011.
Porén o capítulo ao que hai que asignarlle maior importancia en número de novidades foi o de Distribución, cun total de 37 actualizacións. De entre todas destaca o amplificador de vivenda Pikocom 2 S DC, un dispositivo Plug&Play que non precisa axustes e que polas súas reducidas dimensións é idóneo para a instalación en rexistros de 100x100 milímetros e inferiores.
Na área de equipos para Medición, Televés lanzou un novo xerador de luz, mentres que no apartado de Recepción, a gran novidade presentada ao amparo do NP100 foi o Zas Sat, que permite a sintonización de canles de satélite tanto en formato estándar como de alta definición.
Finalmente, NP100 foi tamén o marco do lanzamento do novo Coax Data, un adaptador híbrido que permite conectar ordenadores persoais con acceso a Internet de alta velocidade, canles de televisión e equipos audiovisuais e de entretemento utilizando as redes eléctrica e coaxial, sen necesidade de cables adicionais.
O que está por vir
Aparte de acadar o cento de lanzamentos previstos no NP100, nos vindeiros seis meses Televés mirará por gañar cota de mercado, darlle pulo á internacionalización, aportarlle valor engadido á cadea de distribución e motivar a todo o equipo da empresa para mellorar as cifras do pasado 2011.

PUBLICIDADE