Televés amosa no salón CABSAT os seus últimos achados en medidores de campo ou solucións de alta velocidade

luns, 11 de marzo do 2013 Redacción

A nova edición feira CABSAT, que se celebra en Dubai entre o 12 e o 14 de marzo, contará con presenza galega. Máis polo miúdo a da empresa galega Televés, participante unha vez máis neste prestixioso encontro internacional que serve, entre outras cousas, de ponte tecnolóxica entre Occidente, Oriente Medio, África e Asia por enteiro. Nesta cita, a compañía amosará o radio de alcance do seu potencial de desenvolvemento e innovación, que “non se limita ao seu ámbito de actuación máis tradicional, a radiodifusión e distribución de sinais de radio-televisión, senón que se estende tamén a outros nichos de mercado con amplo percorrido, como IPTV, ou tecnoloxías dixitais aplicadas á seguridade e os servizos sanitarios (Hospital Dixital)”, informa a compañía con sede en Santiago.
Polo tanto, haberá marxe na feira CABSAT para presentar a nova xeración de medidores de campo H60 LTE Ready e con control remoto do sinal, a máis recente evolución do primeiro equipo portátil que incorporou o procesado dixital. Televés amosará en detalle, tamén, os máis recentes resultados de Coaxdata, o equipo desenvolvido para ofrecer conexión de alta velocidade empregando cableado xa existente nos edificios. “En CABSAT”, informa Televés, “poderase comprobar a eficacia desta solución que agora ofrece unha capacidade de até 1Gb e 1.012 puntos de acceso sobre redes coaxiais”.

PUBLICIDADE