Televés amosa a súa aposta pola televisión híbrida na xornada anual do sector da TV interactiva

luns, 11 de novembro do 2013 Redacción

A firma galega Televés estará este martes 12 nunha cita en certa medida decisiva, a nivel empresarial, para o futuro a curto e medio prazo da relación entre os espectadores e os contidos de televisión e Internet. Falamos da Xornada Anual da Asociación Española de Televisión Interactiva (AEDETI), na que vai avaliar en profundidade a chegada e espallamento da televisión híbrida (estándar HbbTV), e tamén a resposta a esta tecnoloxía de fabricantes, desenvolvedores e radiodifusores.
Neste foro, que se celebrará en Madrid, a compañía galega estará representada polo seu director comercial, Francisco Pérez, quen participará no panel titulado Os novos televisores para a televisión híbrida. Pérez abordará cuestións como a convivencia entre a TDT híbrida e a SmartTV, e a necesidade de mellorar o coñecemento da televisión híbrida entre a poboación. Ademais, presentará o receptor ZAS HBB de Televés, que ten o potencial para converter os televisores convencionais en dispositivos híbridos, “combinando a tradicional oferta de TDT con todo a contido de Internet que as cadeas poñen a disposición do usuario”. A firma galega tamén fará fincapé nas vantaxes de uso deste receptor dende o punto de vista da súa relación co espectador, xa que salienta por ser moi intuitivo e doado de manexar a través do mando a distancia.
Con motivo da participación neste foro e das razóns para participar nel (a chegada da televisión híbrida, na que todo apunta a que Televés vai ter moito que achegar), a firma galega cualificou xa de “extraordinariamente positivo que os grandes operadores de televisión se sumen á tecnoloxía da televisión híbrida, como é o caso de RTVE, que recentemente puxo en marcha o seu servizo Botón Vermello, que dá acceso a 90.000 horas de programación a elección do usuario”.

PUBLICIDADE