Televés achegará a súa solución de marcado de auga dixital á estadounidense Dish Network

mércores, 21 de maio do 2014 Redacción

A firma galega Televés, con sede principal en Santiago e presenza en múltiples mercados, vén de obter o visto e prace de Dish Network, operador de televisión de satélite de Estados Unidos que conta con 14 millóns de subscritores, para implantar a solución de marcado de auga dixital (watermarking) da compañía compostelá. Unha solución, por certo, aplicada na suite de codificadores Clear QAM de Televés.
Segundo nos lembra esta empresa, o proceso de marcado diríxese a introducir información dixital oculta que certifica a autenticidade ou integridade do sinal, fornecendo a identidade dos seus propietarios. No caso dos codificadores Clear QAM, a marca de auga invisíbel é tamén “unha opción para a análise forense de vídeo, nun esforzo para previr a pirataría”.
O watermarking dixital, recorda a firma santiaguesa, é polo tanto unha marca embebida nos datos da imaxe que adoita empregarse para identificar a propiedade e o copyright dese sinal. “Do mesmo xeito que a marca de auga tradicional”, engade Televés, “a dixital é imperceptíbel a primeira ollada e para detectala utilízanse técnicas como o emprego dun algoritmo”. Trátase dunha ferramenta de protección pasiva, que achega datos pero en ningún caso degrada ou restrinxe o acceso ao sinal.
No caso dos codificadores de Televés, a técnica emprégase para incluír na imaxe o número de serie do receptor de Dish Network. Este número é invisíbel para o ollo humano pero queda recolleito como marca de auga dixital se esa imaxe é gravada ou retransmitida. “Deste xeito”, explica Televés, “no caso de que o sinal se publique sen autorización, pódese establecer o seguimento até o receptor infractor”.
Dish Network é un provedor estadounidense de contidos que ofrece a clientes residenciais e comerciais servizos de televisión por satélite, Internet por satélite, programas de audio e servizos de televisión interactiva. Segundo datos de novembro de 2013, ten 14 millóns de subscritores e emprega a aproximadamente 34.000 traballadores, dos que 25.000 están en Estados Unidos. A sede da compañía está en Meridian, cidade do estado de Colorado.

PUBLICIDADE