Telemo quere levar os seus puntos telefónicos a tódolos centros comerciais galegos

venres, 2 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

A empresa galega Telemo Comunicacións (con sede en Bergondo) vén de desenvolver un proxecto de espallamento comercial para os vindeiros tres anos coa habilitación intensiva de puntos telefónicos e de Wi-Fi en centros comerciais de Galiza, España e Portugal. A iniciativa, que deu os seus primeiros pasos coa posta en marcha dos primeiros equipos no Centro Comercial Los Rosales e no Centro Comercial Elviña (ámbolos dous da cidade da Coruña), xurdiu alentada por un obxectivo ambicioso abondo, tanto no empresarial como no tecnolóxico: o de chegar á maior cantidade posible de grandes espazos comerciais da nosa terra (un total de 51, na imaxe) nun prazo de tres anos.
Este movemento en concreto, segundo apunta a propia empresa galega, suporía un incremento do 30% anual no seu volume de negocio.
Asemade, informa Telemo, o proxecto completarase cunha ampla listaxe de actuacións fóra de Galiza, incluíndo a instalación de puntos telefónicos en grandes superficies e hipermercados de Portugal, onde xa a empresa de Bergondo xa desenvolve a súa actividade dende hai uns tres anos mediante teléfonos de moedas, franquicias e, hai pouco, cabinas solares.

PUBLICIDADE