Telegal rexistra 250 solicitudes para os cursos gratuítos ofrecidos co Concello de San Sadurniño

venres, 8 de xaneiro do 2021 S. P.

A oferta de cursos gratuítos lanzada hai uns días por Telemática Galicia (Telegal, con sede en Narón) e o Concello de San Sadurniño superou, segundo fixo saber o Goberno local, todas as expectativas. A primeira quenda de accións formativas arrincou este 7 de xaneiro con todas as prazas cubertas e, de cara á segunda, só quedan algunhas vacantes en catro dos cursos, concretamente no de Igualdade e linguaxe inclusiva e non sexista, no de Iniciación ao guión audiovisual, no de Mecanografía e no de Ferramentas de organización no fogar e nos negocios. Nas distintas propostas, moitas delas de índole tecnolóxico-dixital, inscribíronse un total de 250 persoas, moitas delas de San Sadurniño (con prioridade), pero tamén de Narón, Ferrol, Cedeira, Baiona, Gondoma, e tamén de Cataluña.
O catálogo de actividades, denominado Formación en tempos de COVID, impartirase dende o 7 ata o 18 de xaneiro. Ten o seu punto de partida no curso de captación para a docencia da formación profesional para o emprego impartido por Telegal (as e os participantes deste curso están na recta final da formación, polo que cada un deles debe planificar e levar a cabo a súa propia acción traballando con contidos e alumnos reais).
A nova oferta inclúe 15 actividades formativas, que abranguen diferentes eidos da vida cotiá, pequenos negocios, mellora das posibilidades para atopar un traballo ou a presenza en Internet.
Así, atópanse actividades formativas sobre aspectos administrativos, como a realización da declaración da renda; de ámbito social, como a mediación familiar e escolar, igualdade ou a calidade de vida das persoas enfermas de Alzhéimer; outras relacionados co emprendemento, a creación de cooperativas de traballo asociado, o escaparatismo, as redes sociais, a posta en marcha de tendas virtuais; un curso de introdución ao guión audiovisual e outro de ferramentas de organización do fogar ou dun negocio; e o curso que se impartirá de forma presencial, a práctica de lavar e limpar correctamente un vehículo.

PUBLICIDADE