Telefónica traballará para afianzar o sector gandeiro na Internet das Cousas
xoves, 21 de xaneiro do 2016
Telefónica Business
Solutions e Cattle-Watch, firma especializada na xestión de gando e
animais de cría, veñen de facer público un acordo para fornecer
solucións de conectividade IoT (polas súas siglas en inglés,
Internet das Cousas) á industria gandeira de América Latina e
Norteamérica. A
través desta alianza entre as dúas compañías, Cattle-Watch
incorporará aos seus produtos a solución Smart m2m, a
plataforma web desenvolvida integramente pola empresa de raizame
española para a xestión e o control das comunicacións IoT.
Segundo fai saber a
operadora, o acordo implicará “importantes vantaxes para o sector
gandeiro”, como por exemplo o subministro de información continua
sobre a localización e o estado dos animais, a súa saúde
nutricional ou datos sobre doenzas e fertilidade. A maiores, a
solución de Cattle-Watch permite, tamén, coñecer a calidade dos
pastos, recibir no dispositivo intelixente alertas temperás de roubo
ou empregar drons con cámara incorporada para facilitar operacións
como o reconto dos animais.
Polo que se refire á
plataforma Smart m2m de Telefónica, posibilita aos seus usuarios
maior marxe de conexión e unha xestión integral da operatividade
IoT “máis fiábel e segura”. E engade Telefónica: “A solución
incorpora excelentes funcionalidades que permiten un consumo en tempo
real, supervisión, seguimento global ou detección de fraude, así
como plans de comunicación flexíbeis”. Seguindo fai saber o
presidente da xunta directa de Cattle-Watch, Ehud Sasi, “a
finalidade do sistema é levar máis alimentos ao mundo, e a
colaboración con Telefónica permitiranos impulsar o despregamento
do sistema en beneficio dos gandeiros de todo o planeta”.