Telefónica salienta que se trata da empresa que máis inviste en I+D no ámbito estatal

mércores, 5 de novembro do 2014 Redacción

Os módulos de Thinking Things que presentou Telefónica I+D

Telefónica I+D, a división da operadora coñecida como TID, presentou as súas liñas estratéxicas vindeiras no evento TEFcon (xuntanza que reúne a boa parte dos máis salientábeis desenvolvedores que ten a compañía en todo mundo). Máis polo miúdo, fixo saber que as tres principais liñas sobre as que pivotarán os traballos de TID serán a Internet das cousas aplicado ao ámbito industrial, os modelos de predición do comportamento humano e o binomio identidade-privacidade. A operadora salientou que se trata da compañía “que máis inviste en Investigación e Desenvolvemento (I+D) en España”, ao tempo que lembrou a súa “gran tradición en innovación de produtos e servizos”.
No eido da Internet das cousas, Telefónica I+D anunciou o desenvolvemento de Thinking Things, módulos amoreábeis ao estilo das pezas de Lego que permiten equipar con conectividade os obxectos cotiáns. Sobre a predición do comportamento humano, TID deu a coñecer un estudo realizado sobre turismo, no que se poñen de manifesto as grandes oportunidades que os recursos Big Data poden achegar á industria do sector. Ao fío da terceira liña de acción, identidade-privacidade, a operadora anunciou que vai liderar un esforzo comunitario para revelar o fluxo e uso da información persoal en liña.
A presentación das liñas estratéxicas de TID realizouse no marco do TEFcon (4 e 5 de novembro), un evento organizado por terceiro ano consecutivo por Telefónica I+D para reunir a todos os creadores de produto da compañía de empresas como Tuenti, Jajah, eyeOS ou Tokbox, entre outras. O obxectivo é divulgar as mellores prácticas empregadas polos enxeñeiros, ademais de aprender e compartir novas tecnoloxías. No marco desta cita, a operadora anunciou que “seguirá investindo en I+D en España en liña co que investiu nos últimos anos”. E engadiu: “Os últimos datos oficiais sinalan que Telefónica destinou un total de 6.100 millóns de euros a proxectos de I+D+i durante o pasado ano 2013, unha cantidade que supón un 6% máis respecto ao ano anterior e representa o 10% do investimento que neste capítulo faise en España”. Desta forma, sinalaron fontes de TID, a empresa de telecomunicacións convértese na segunda operadora que máis inviste en I+D+i en todo o mundo.

PUBLICIDADE