Telefónica quere liberdade de tarifas nos lugares onde compite co cable

martes, 4 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Julio Linares, director xeral de TelefónicaJulio Linares, director xeral de coordinación do grupo Telefónica reclama á Comisión do Mercado das Telecomunicacións que discrimine a súa regulación por áreas xeográficas para as redes de nova xeración, de xeito que piden liberdade absoluta na fixación de prezos nos mercados nos que xa opera Ono (operadora que tamén conta con infraestrutura propia).
Dende Telefónica non están de acordo con que a CMT continúe a fixarlles o prezo máximo que poden cobrar ós seus rivais independentemente de se están en mercados con competencia alta, escasa ou nula, e quixeran que as infraestruturas de banda larga gozasen dun tratamento semellante ó que ten a telefonía móbil, onde os OMV pagan “uns prezos maioristas en virtude de acordos comerciais”.
Linares tamén anunciou a intención da súa compañía de investir 8.000 millóns de euros este ano para o desenvolvemento de novos servizos e infraestruturas en todo o mundo, o que serían o 14% dos ingresos anuais da compañía, aínda que advertiu de que a súa rede de nova xeración non chegará a zonas que non considere rendibles. As novas redes poderían chegar a velocidades de ata 50 Mbps no caso de accesos mediante telefonía fixa e 7,2 Mbps na móbil.
Durante a intervención que realizou nunhas xornadas da UIMP, Julio Linares tamén denunciou o desequilibrio do uso da Internet, de xeito que o 20% dos usuarios xerarían o 80% do tráfico, e chegou a insinuar a posibilidade de cobrar distintos prezos en relación ó volume de descarga.

PUBLICIDADE