Telefónica presume da consolidación do seu negocio audiovisual

luns, 4 de agosto do 2014 Redacción

Telefónica arrincou en xullo de 2013 o proceso para a definitiva transformación da compañía nunha Telco Digital a través do programa BE MORE, un marco de actuación baseado en tres actitudes básicas: discover, disrupt e deliver (descubrir, ser máis disruptivos e executar) e plasmado en 12 accións chave. Un ano despois, a compañía xa logrou resultados tanxibles deste programa, entre as que destaca a súa transformación nunha auténtica compañía de vídeo con 4,2 millóns de clientes de televisión de pagamento en total, 1,4 deles en España a través de Movistar TV. Unha aposta renovada pola televisión de pagamento que se reflicte nun forte crecemento dos clientes neste segmento no primeiro semestre de 2014 (un 26% máis que no mesmo período do ano anterior).
España lidera este obxectivo tras masificar o vídeo para os seus clientes de fibra, apostar pola alta definición e as novas funcionalidades e dotar á súa oferta Movistar TV dos mellores contidos Premium, dende a Fórmula 1 ao Campionato Mundial de Motociclismo ou Roland Garros.
O despregamento da ultra rede de banda ancha fixa e móbil, que fixo posible a integración do vídeo na oferta, é outro dos doce focos deste programa. Telefónica segue acelerando en LTE e FTTH e na mellora da calidade extremo a extremo coa prioridade de converter a rede a todo IP.
Outro dos obxectivos nos que Telefónica puxo foco dende a implantación de BE MORE é o impulso dos datos móbiles. Cun 80% dos clientes acollidos a paquetes de datos, unha penetración de smartphones do 32% nos seus mercados, un incremento do 24% anual de ingresos por datos no primeiro semestre e o lanzamento de LTE en nove mercados, Telefónica segue coa creación de propostas de valor no mundo dos datos con paquetes converxentes, tarifas flexibles, tarifas de compartición de datos ou novas tarifas de roaming, entre outras.
O resto de accións prioritarias céntranse en cuestións como o reequilibrio da cadea de valor na industria dixital, a simplificación do modelo operativo, a estratexia de canles para chegar ao cliente, a atención ás empresas ou a transformación das tecnoloxías da información (TI).
A estas dez accións acompáñanas dous máis, igualmente prioritarias e de ámbito global, que deben marcar o funcionamento da organización interna e externamente: a renovación do talento do equipo, a través do recoñecemento do mérito profesional, e tamén de programas como Talentum; e, por outro lado, o reforzo do posicionamento público de Telefónica como axente líder e activo no ámbito de Internet. Por iso, a finais de 2013 lanzou o Manifesto Dixital que recolle as recomendacións de políticas públicas da compañía para mellorar a experiencia de Internet e promover maiores investimentos en infraestruturas dixitais.
Todas esas iniciativas, co cliente como centro deste novo mundo dixital, implantáronse de forma global e deron lugar a proxectos concretos en todos os países onde opera Telefónica. As accións teñen ademais un reflexo directo nunha mellora sostida dos resultados da compañía en termos orgánicos. Nos datos financeiros do segundo trimestre que a compañía acaba de anunciar reportouse un crecemento orgánico dos ingresos (por quinto trimestre consecutivo) do 1,4% na primeira metade do ano.
En definitiva, o programa BE MORE, plasmado nestas 12 prioridades e completado con outras moitas iniciativas que se están a desenvolver a nivel local, está a ser a vía para a consolidación de Telefónica como unha compañía cada vez máis dixital, cun modelo de negocio sostible baseado no crecemento e a eficiencia.

PUBLICIDADE