Telefónica presentou unha plataforma para axudar ás familias a crear unha Internet segura

venres, 14 de febreiro do 2014 Redacción

Telefónica presentou esta semana unha iniciativa de asesoramento e divulgación para nais e pais con respecto ás tecnoloxías das que botan man os seus fillos. O obxectivo da operadora, como é de supoñer, é de achegar unha xanela centralizada para dar resposta á cada vez meirande demanda de información sobre os riscos aos que están expostos os nenos que navegan na Rede ou empregan dispositivos móbiles. Isto materialízase a través da plataforma Familia Dixital, Centro de Recursos para Nais e Pais presentado estes días pola compañía de telecomunicacións. Segundo informa, o seu obxectivo “é impulsar a educación dixital e contribuír a crear unha Internet mellor para os cativos”.
A web, que xa está accesíbel en España, chegará ao Reino Unido en primavera a través de O2. Máis tarde farao noutros países nos que Telefónica ten actividade. A plataforma foi desenvolvida polo Foro Xeracións Interactivas coa colaboración de European Schoolnet, a Universidade de Navarra, INSAFE, EU Kids Online, Childnet International, Protéxelles e Pantallas Amigas. Segundo informa a operadora, forma parte da estratexia de seu “para fomentar a confianza dixital e promover un uso responsábel das TIC”. Apóiase en catro piares: autorregulación, as alianzas estratéxicas, os produtos e servizos e a educación dixital.
A idea de Telefónica é converter a plataforma nun sitio de referencia para as familias, pais e nais, titores e profesores. Ou sexa, algo do que botar man de inmediato, sempre accesíbel, cando tenten atopar respostas sobre a cuestión dos nenos e as novas tecnoloxías. “Asemade”, di a compañía, “é un lugar para compartir experiencias e testemuños e axudar a superar os retos e atrancos aos que se enfrontan os cativos e os seus pais debido aos cambios tecnolóxicos e á constante aparición de novas aplicacións e servizos”.
Para acadar todos estes obxectivos, a web concíbese ante todo como algo activo e en desenvolvemento. Así, tódolos trataranse dende Familia Dixital temas de interese e actualidade, fornecéndose vídeos, xogos, actividades de lecer e artigos artellados por idade para que as familias poidan aprender a tirarlle o máximo partido a Internet. Ademais, incorpora un glosario de termos como grooming, ciberacoso, sexting, xeolocalización coa súa explicación e con consellos, claves, recomendacións, ligazóns e vídeos acerca deles.

PUBLICIDADE