Telefónica presenta un proxecto que mobiliza aos usuarios de móbil para desenvolver novos servizos

mércores, 17 de febreiro do 2010 Fernando Sarasketa

Telefónica vén de dar a coñecer unha iniciativa para aplicar no terreo da telefonía móbil o espírito de participación activa da Rede 2.0, unha nova orde de Internet na que xa non chega con visitar páxinas, empregar servizos e recibir información: hai tamén que facelos. O proxecto colaborativo de Telefónica, encamiñado a converter aos usuarios en desenvolvedores de microservizos no móbil, xorde cun nome que ten pouco de casual: Haiku (formato de poesía xaponesa de non máis de tres versos). Sexa unha aposta por aforrar investimentos coa coartada da participación allea, sexa un xeito de abrirlles mercado e posibilidades aos usuarios, o caso é que a iniciativa xerou expectación de abondo no escenario escollido para a súa presentación, a feira Mobile World Congress que se está a celebrar até mañá en Barcelona.
O proxecto de Telefónica, que vén da man da súa división de I+D, basea unha boa parte do seu potencial no sinxelo da súa proposta. A xuízo da operadora, do que se trata é de cederlles a posibilidade de desenvolvemento de servizos a tódolos usuarios e sen que sexa preciso dispor de amplos coñecementos de programación ou de ferramentas específicas.
O instrumento de traballo, que é aberto, permite incorporar aos microservizos capacidades do móbil como localización, imaxes, música, gravacións, vídeo ou micropagos. Os espazos creados polo usuario e publicados no universo das ditas ferramentas miúdas, sinala a operadora, poderían servir para unha comunicación interactiva con outros usuarios, como canle para a promoción móbil ou como soporte de anuncios clasificados, entre outras opcións. Por certo que unha das principais vantaxes de Haiku é que os microservizos que xorden ao seu abeiro pódense xerar só co móbil, sen necesidade dun PC, “de xeito inmediato e dende calquera lugar”. A maiores, sinala a operadora, “revolucionan o mundo da mensaxeiría ao permitir interactuar coas mensaxes en tempo real, ademais de poder realizar pagos”. Entre os exemplos principais de traballos que se poden desenvolver con esta iniciativa atópanse os anuncios profesionais e persoais xeolocalizados, ou as mensaxes con interactividade en liña (por exemplo a opción de incorporar comentarios nunha imaxe dun microservizo).

PUBLICIDADE