Telefónica posiciónase contra as tarifas planas ilimitadas

luns, 30 de agosto do 2010 Marcus Fernández

Durante unha intervención durante o XXIV Encontro das Telecomunicacións na Universidade Menéndez Pelayo de Santander o conselleiro delegado de Telefónica, Julio Linares, realizou unhas polémicas declaracións ao asegurar que o crecemento do tráfico de datos e o «desacoplamento» entre os custos da rede e os ingresos das operadoras podería «quebrar o actual modelo» imperante na industria das telecomunicacións, o que pode entenderse como a fin das tarifas planas (o que parece ser a postura oficial de Telefónica), de xeito que os usuarios que fan un maior uso da Rede tamén deberían pagar máis. Linares aposta por ofrecer diferentes calidades aos diferentes clientes en función das súas necesidades, o que parece reabrir o debate sobre a neutralidade de rede que tan de actualidade está nos EE.UU., aínda que non parece razoable pór en dúbida o modelo actual por mor do crecemento do consumo multimedia a través da Rede, pois iso o que indica principalmente é unha evolución positiva do sector, o que ten máis de positivo que de negativo (de xeito que se algunha compañía non ve rendible as tarifas planas de datos sempre podería eliminalas da súa oferta de servizos ou reducir as súas prestacións).
Pese a cuestionar o modelo existente, Linares non dubidou en describir que na evolución das conexións á Rede «a primeira vaga de crecemento foi a dos fogares, onde parece che chegouse á saturación; a segunda veu da man dos individuos e os móbiles, e chegarán unha terceira vaga, a dos dispositivos e as máquinas, cunha dimensión moito maior que a anterior». Tamén engadiu que para as compañías de telecomunicacións a voz pertence ao pasado, os datos son o presente e o vídeo é o futuro, destacando que nesta industria cada vez será máis difícil separa o mundo das aplicacións das comunicacións.

PUBLICIDADE